As sagas de Resident Evil e Dead Rising centran o último Humble Bundle

martes, 11 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Capcom está a converterse nunha compañía moi habitual na iniciativa solidaria Humble Bundle, e desta volta apostan por un lote de xogos de mortos viventes (ou infectados) que baixo o nome de Humble Capcon Rising Bundle congrega grandes títulos por un prezo moi axustado, podendo o usuario decidir o reparto dos seus cartos entre desenvolvedores, responsables do Humble Bundle e iniciativas benéficas.
Os usuarios que acheguen a partires dun dólar poderán facerse cos xogos STRIDER, Umbrella Corps e DmC: Devil May Cry; mentres que se pagamos máis da media (6,34 euros no momento de escribir estas liñas) farémonos tamén cun lote de actualización para Umbrella Corps, o interesante Dead Rising 2: Off the Record, as remasterizacións dos clásicos Resident Evil e Resident Evil 0 e o decepcionante Resident Evil 6.
O prato forte queda para os que acheguen a partires de 12 dólares, que recibirán os xogos Dead Rising 2 e Dead Rising 3: Apocalypse Edition. Temos así unha opción moi asumible para incorporar na nosa colección de xogos de Steam (para PC) interesantes mostras das franquías Resident Evil e Dead Rising¸ que son a constatación de que Capcom é a compañía líder no xénero dos zombis.

PUBLICIDADE