As sancións estadounidenses dificultan a Huawei a produción de móbiles

mércores, 9 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Nas últimas semanas comentouse como as sancións de EE.UU. a Huawei están a forzar a que moitos provedores non poidan traballar coa compañía chinesa por utilizar algún tipo de tecnoloxía estadounidense, de xeito que confirmouse o cesamento da produción de procesadores Kirin (os propios da marca) e a prohibición de que Qualcomm venda procesadores a Huawei (mentres que a propia Qualcomm pregaba unha licenza á Casa Branca para non quedar fóra dun negocio millonario), pero a situación é moito máis complicada do inicialmente previsto, e agora están a dar conta de que Samsung Electronics e SK Hynix non poderán subministrar semicondutores a Huawei, o que afectaría a chips de memoria e outros compoñentes, restrinxido as posibilidades de fabricación de Huawei, de xeito que agora estiman que para o ano que vén reducirán a súa produción nun 74%.
Concretamente falan de que Huawei, que en 2019 produciu 240 millóns de smartphones, podería caer até os 190 millóns de unidades en 2020 (pois as sancións estadounidenses máis duras aínda entran en vigor a semana que vén), pero en 2021 podería quedar en só 50 millóns de unidades, cando a súa intención era chegar aos 300 millóns de unidades.
Estes cambios están a provocar que Huawei, compañía chamada a ser o primeiro fabricante mundial de smartphones, non conseguirse finalmente superar a Samsung, e incluso vaia quedar por detrás de Xiaomi e Apple, conseguíndose pola vía das sancións o estrangulamento dunha compañía chinesa que ía camiño de liderar o seu sector a nivel mundial, no que pode entenderse como un atentado ás leis de mercado sen precedentes (pois o caso anterior, o de ZTE, atendía a razóns obxectivas, por realizar a compañía chinesa negocios con países vetados).

PUBLICIDADE