As subscricións de Instagram chegarán a España

luns, 24 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Nos EE.UU. os creadores poden conseguir ingresos económicos ofrecendo subscricións a contidos exclusivos, e tras o éxito colleitado anuncian que nas vindeiras semanas esta opción chegará a Australia, Brasil, Canadá, Francia, Alemaña, Italia, Xapón, México, Reino Unido e España.
As subscricións de Instagram permiten unha maior conexión entre os creadores e os seareiros, e supón un carga económico recorrente para poder acceder a contido exclusivo e beneficios. Os creadores poden elixir o prezo mensual a cobrar, e poden ofrecer aos seus subscritores publicacións, historias, Reels e directos exclusivos, canles exclusivas e tamén chapas exclusivas (que aparecen nos comentarios e as mensaxes, facilitando que o creador identifique aos subscritores para darlles prioridade nas interaccións).
Cómpre lembrar que este tipo de fórmulas xa son moi habituais en plataformas como Patreon, pero integrándose en Instagram reducen a fricción co usuario, podendo resultar moi atractiva esta fórmula non só para que os usuarios poidan ter unha maior proximidade cun creador, senón tamén para poder acceder a contido de pagamento (como poden ser rutinas de exercicio, receitas de cociña e todo tipo de cursos de formación).

PUBLICIDADE