As tecnólogas xuntan forzas no Castelo de Soutomaior para romper as desigualdades STEAM

xoves, 22 de setembro do 2022 S. P.

Mostrar as importantes contribucións das mulleres nos eidos da innovación tecnolóxica, o emprendemento e a transformación dixital foi o obxectivo da nova xornada promovida no marco da Axenda 2030 pola Deputación de Pontevedra e a Cátedra Iberoamericana da USC, que este 20 de setembro acolleu a Escola de Igualdade María Vinyals no Castelo de Soutomaior.
No foro, a presidenta provincial, Carmela Silva, reclamou que as mulleres ocupen a metade do espazo que lles pertence “nestes eidos fundamentais na construción do novo mundo que estamos a vivir”. A nova cita da Escola, que tivo como broche final a participación da referente en Intelixencia Artificial Amparo Alonso, congregou no castelo a máis dun cento de persoas, entre elas alumnado e docentes do IES Luis Seoane de Pontevedra, centro referente en igualdade.
Silva lembrou no foro que os datos sobre a presencia das mulleres en eidos como as novas tecnoloxías seguen a ser intolerábeis, e puxo como exemplo o descenso das matriculacións de mozas nas carreiras STEAM, “algo moi preocupante, porque se non estamos nesas titulacións que están a construír a nova relación humana, non vamos a estar dirixindo o mundo, dirixirano eles por nós”.
Pola súa parte, María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, subliñou que “o que queremos é enfocar ás mulleres, poñerlles rostro e que as nenas e nenos vexan que hai referentes femininas en ámbitos masculinizados, non masculinos”, apuntou.
Pola súa banda, a directora do evento, María Xosé Rodríguez-Galdo lembrou que as mulleres “levamos a innovación nos xenes, porque hai algo realmente innovador que son as amas de casa; se miramos cara atrás, sempre foi un traballo tremendamente innovador. Non é estraño que ás mulleres nos preocupe o tema da innovación, porque é un herdo que recibimos e que é moi importante que o proxectemos”.
María Camacho, directora de Negocio da firma Plexus TEC incidiu en que “temos que romper barreiras e ten que haber políticas que incentiven que as mulleres esteamos en todos os niveis das empresas tecnolóxicas” e puxo como exemplo o permiso de paternidade de 16 semanas.
Pola súa banda, Berta Caro, directora de Desenvolvemento Corporativo de Tecalis, afondou na “transformación dixital, que xa está nas nosas vidas e na que debe haber mulleres para poder mellorala”. Tamén puxo o foco nas power skills “como a intelixencia emocional, a resiliencia ou xestión eficiente do tempo” que teñen “favorecido moitísimo a entrada das mulleres no sector”.
Ana Malde, executiva de Accenture, falou do que supón “o momento da maternidade” para as mulleres traballadoras e deixou claro que “o fomento da igualdade ten que partir da administración pública, o seu papel é fundamental para poder combater a nosa discriminación nas empresas". Sandra Castro, executiva de contas de Fuell, subscribiu as palabras de Malde e engadiu que “as empresas temos unha responsabilidade enorme en romper estereotipos de xénero”. Tamén se referiu á importancia da sororidade e á loita contra o síndrome da impostora.
Na xornada tamén participou Teresa Táboas, arquitecta e administradora de Sementares SL, quen manifestou que “ás veces tocamos na clave errada, e hai que interpretar a melodía destes tempos complexos na clave exacta de Re, Recuperar, Repensar e Revolucionar o rural coa forza das mulleres”. “Precisamos rachar –dixo- con esa diferenciación de rural e urbano. O momento actual precisa Reconducir esa diferenciación e falar só de territorio”.
Sandra Amézaga, secretaria da Asociación Mulleres Salgadas, incidiu na ”falta de visibilidade” das mulleres do mar en Galicia, e neste senso lembrou a iniciativa do seu colectivo para crear un Observatorio Galego de Xénero do Sector Pesqueiro “que ofreza estatísticas e un diagnóstico deste sector, que é un descoñecido, e axude a implementar políticas adecuadas”.
Pola súa banda, Elisa Rubí Cano, socia da Adegas Terra de Asorei e profesora de Química, apuntou que o gran déficit neste sector para as mulleres “está no mundo das persoas técnicas”. Silvia Chaves Freire, xerenta en Transportes e Madeiras Chaves, engadiu que no seu sector “queda moito por traballar e hai que visibilizar ás mulleres que están, tanto en postos de xerencia como as condutoras, que cada vez son máis, para darlles a oportunidade a outras de atopar un nicho laboral”.
Pola tarde, a xornada continuou coas contribucións realizadas por tres mulleres emprendedoras que iniciaron os seus proxectos aliñadas coa universidade. Eva López Barrio, coordinadora do programa Innovatia 8.3 da Universidade de Santiago foi a moderadora da mesa na que Catalina Fernández de Ana, directora xeral de Hifas da Terra; Diana Lameiro, directora do Centro Lingoreta e Vanesa Redondo, promotora de Proplantaee, amosaron a súa experiencia profesional neste eido.
A clausura correu a cargo da catedrática e autoridade en materia de Intelixencia Artificial en España, Amparo Alonso, quen defendeu xa no seu título que “a IA debe ser feminista”. Na charla, incidiu en que “a tecnoloxía non é inocua en cuestións de xénero e que podemos encontrarnos con algoritmos e moitas veces con conxuntos de datos do mundo real, que están nesgados, xa que a sociedade está nesgada”. E engadiu:“É importante que teñamos isto en conta, para vixiar que os sistemas de Intelixencia Artificial non dean resultados nesgados, que perpetúen ou mesmo fagan crecer as desigualdades de xénero”. Sinalou que esta é unha das consideracións que se tratan na regulación que se está a construír na Unión Europea, “da que se ocupará tamén a futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial da que se fala estes días nos medios”.
Alonso referiuse ao custe económico da desigualdade na economía ao subliñar que a igualdade “é un valor fundamental da Unión Europea” e a súa mellora ”podería levar a un incremento no PIB de ata 3,15 trillóns de euros en 2050”. Neste senso lembrou que “no 66% das empresas TIC non hai mulleres directivas” e apuntou que “en 2021 o 45% dos empregos estaban relacionados co ámbito dixital”. A catedrática puxo a vista no 2025, cando o 84,6% do emprego da Unión Europea e o 69,8% en España “será realizado por persoas con formación media e alta en tecnoloxía”. Así, destacou a necesidade de “incluír a informática na educación dende as primeiras etapas, sensibilizar ao profesorado sobre o xénero nas TIC ou visibilizar a profesionais que sirvan como referentes”.

PUBLICIDADE