As tecnoloxías colaborativas máis populares, ao detalle nunhas xornadas do IEEE da UVigo

martes, 23 de xuño do 2020 S. P.

Integrantes da Rama de Estudantes do IEEE, o Institute of Electrical and Electronics Engineers da Universidade de Vigo, en colaboración cos seus homólogos da UNED organizan esta semana (o venres e o sábado) unhas xornadas de traballo colaborativo baixo a fórmula do formato hackathon e poñendo o foco nalgunhas das tecnoloxías de meirande proxección das que podemos botar man para traballar creativa e colectivamente: aplicacións móbiles, impresión 3D, Arduino, prototipado electrónico, Raspberry Pi, Python, etc. Os principais cabezas visíbeis do equipo organizador son Juan Abia (Rama Estudantes IEEE-UVigo) e Pedro Plaza (Rama Estudantes IEEE-UNED).
A cita arrancará o venres ás 18.00 horas e ao longo desta primeira sesión as persoas participantes recibirán nocións teóricas dunha serie de tecnoloxías coas que poderán traballar ao longo das seguintes actividades. Ao día seguinte, a partir das 17.00 horas, habilitaranse unha serie de salas virtuais para que as persoas que participen poidan traballar con cada unha das devanditas tecnoloxías e realizar as consultas pertinentes ás correspondentes persoas expertas, podendo os asistentes moverse por cada unha das salas para que dean forma á súa idea coas tecnoloxías que consideren.
Se ben esta actividade está dirixida ao propio alumnado da Rama de Estudantes do IEEE na UVigo e na UNED, desde a organización fan fincapé en que se trata dunha xornada aberta á participación de “calquera estudante ou persoa con inquietudes no desenvolvemento de ideas baseadas nunha ou varias das tecnoloxías sobre as que se vai traballar” e, nestes senso, aclaran que, a pesar de ser unha actividade en liña e gratuíta, para poder acceder é necesario rexistrarse.
Tanto Juan Abia, estudante de Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática na UVigo, como Pedro Plaza, doutor enxeñeiro industrial experto en sistemas electrónicos, exercerán como moderadores nas diferentes salas habilitadas para cada área, tanto nas sesións de teoría como nas de traballo.
Ademais, contarase tamén coa participación como experto de Alfonso Lago, profesor do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo, quen exerceu como vicepresidente da sección española do IEEE durante o bienio 2018-2019, e do catedrático da UNED Manuel Castro, quen en 2017 foi nomeado presidente emérito da sección Educación do IEEE, o primeiro non norteamericano.

PUBLICIDADE