As telecomunicacións encabezan as consultas e queixas ante o Instituto Galego de Consumo

luns, 18 de agosto do 2025 Redacción

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, atendeu máis de 20.000 consultas durante o primeiro semestre de 2025, das cales unha de cada catro estivo relacionada coas telecomunicacións. Entre xaneiro e xuño rexistráronse 5.312 consultas neste ámbito, que representan máis do 26 % do total, converténdose no principal motivo de demanda de información por parte da cidadanía.
Tamén no apartado de reclamacións este sector encabeza a listaxe: 2.069 queixas (o 21 % do total) foran dirixidas contra empresas de telecomunicacións, por diante da enerxía, que acumulou 1.725. No relativo aos expedientes sancionadores, aínda que o liderado corresponde ao sector eléctrico e enerxético, as telecomunicacións aparecen entre os máis afectados xunto co financeiro.
En total, o IGCC xestionou no primeiro semestre 20.218 consultas, 9.710 reclamacións e 637 expedientes sancionadores por un importe global de 9,4 millóns de euros. O organismo celebra este ano o seu 30 aniversario e, ademais, Galicia exerce neste segundo semestre a representación das comunidades autónomas no grupo de traballo de Protección e información dos consumidores do Consello de Competitividade da Unión Europea.