As tendas de descargas musicais dos xogos da familia de Guitar Hero botan o peche este mes

xoves, 20 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Os temas musicais para Guitar Hero, DJ Hero e Band Hero estarán a metede de prezo no que resta de mes

Tras converterse en todo un fenómeno durante as dúas anteriores xeracións de consolas de videoxogos, o xénero musical apoiado en controis con forma de instrumentos musicais entrou en crise por mor dunha saturación do mercado e, en vez de reducirse o ritmo de publicación de xogos, suspendeuse a súa produción de vez para decepción dos seus seareiros, e agora as franquías de Activision xa teñen unha data para o seu peche, que será o vindeiro día 31, cando as tendas de descargas para Guitar Hero, DJ Hero e Band Hero botarán o peche. Pero cómpre detallar que os temas que os usuarios teñan descargado continuarán a funcionar, polo que os que aínda conserven o hábito de gozar deste tipo de xogos poden aproveitar a ocasión, xa que están a saldar as cancións para estes xogos cun 50% de desconto nas súas versións para Xbox 360, PlayStation 3 e Wii, mentres que na App Store os xogos tamén terán descontos ata rematar o mes.
Estamos ante unha derradeira oportunidade para ampliar o noso catálogo de temas musicais para os xogos musicais de Activision que teñamos na consola, o que podemos considerar como o adeus deste xénero, que padece agora as consecuencias do sistema de licenciamento de temas musicais (que está limitado no tempo, o que posiblemente dea moitos problemas a longo prazo, coa desaparición dos soportes físicos tanto en videoxogos como en contidos audiovisuais).

Os xogos veñen cunha serie de cancións incluídas que pode ampliarse mediante descargas só ata o remate do mes

PUBLICIDADE