As tendas online Del Mar al Plato e Esturifari gañan os premios de AJE Vigo

xoves, 13 de decembro do 2018 Redacción

Del Mar al Plato e Esturirafi son finalmente as iniciativas gañadoras da décimo terceira edición do premio ás empresarias e empresarios novos e á mocidade emprendedora, respectivamente, que organiza a asociación AJE Vigo e que foron desveladas hoxe. Como lembraremos, detrás de Del Mar al Plato están Borja Conejero e Elena Gainzaraín, fundadores dunha empresa que comercializa peixe e marisco fresco procedente (na súa meirande parte) da Ría de Vigo e capturado con artes de pesca sustentábeis. A cerna da iniciativa é unha tenda en liña dende a que venden a particulares e a restauradores, complementando a oferta con viños galegos, conservas e produtos gourmet.
Os gañadores do primeiro galardón recibiron un programa de formación na Escola de Negocios Afundación de IESIDE, valorado en máis de 3.000 euros; un iPad; un acceso á base de datos de Ardan durante un ano; un diagnóstico e dirección financeira, cortesía de INFI Consultores durante seis meses valorado en 4.000 euros; seis meses de asesoría laboral, fiscal e contábel (Quattro Asesores) e seis meses de afiliación de balde a AJE Vigo.
Na categoría de Mozo Emprendedor, o gañador foi a empresa Esturirafi, un proxecto de Ruth Abrain que empezou como un blog sobre vida ecolóxica, sustentábel e saudábel e que hoxe en día é unha tenda online de venda de produtos respectuosos co medio e promoción de proxectos ecofriendly. A gañadora recibiu un aloxamento gratuíto con mentoring nun viveiro de empresa da Zona Franca de Vigo; un acceso á base de datos de Ardan durante un ano; un iPad; un plan de viabilidade de Infi Consultores valorado en 1.700 euros, seis meses de asesoría laboral, fiscal e contábel de Quattro Asesores e seis meses de afiliación gratis a AJE Vigo.
Dentro da categoría Mellor Empresario entregáronse dous accésits. O accésit de Innovación foi para Muutech, unha startup de Vigo liderada por Víctor Calvo, que ofrece solucións de seguimento para a industria que facilitan o control de sistemas de información e de produción.
O segundo accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial foi outorgado a Lingoreta, un centro de logopedia, neuropsicoloxía, psiquiatría, terapia ocupacional e pedagoxía dirixido por Diana Lameiro. O seu principal servizo é a unidade de diagnóstico e intervención en TEA.
Os gañadores do accésit recibirán un bono formativo de 10 horas valorado en 390 euros nun seminario dun programa especializado de IESIDE, un servizo de asesoría laboral, fiscal e contábel cortesía de Quattro Asesores así como tres meses de afiliación gratuíta a AJE Vigo.
O acto, ao que asistiron máis de 150 convidados, celebrouse na Confederación de Empresarios de Pontevedra coa presenza de numerosas autoridades como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o delegado do Consorcio de Zona Franca de Vigo, David Regades; o director do IGAPE, Juan Cividanes; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba e o deputado provincial, Santos Héctor, entre outras representantes do mundo empresarial e social de Vigo.

Pablo García Fortes abriu a gala cunha charla

PUBLICIDADE