As transferencias tecnolóxicas europeas buscan unha maior seguridade xurídica

xoves, 11 de setembro do 2025 Redacción

A Comisión Europea abriu hoxe unha consulta pública sobre a revisión do Regulamento de Exención por Categorías de Transferencia de Tecnoloxía (TTBER) e das Directrices sobre a aplicación do artigo 101 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) aos acordos de transferencia de tecnoloxía. O obxectivo é adaptar estas normas, vixentes desde 2014, aos últimos cambios de mercado e á xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da UE, reforzando así a seguridade xurídica das empresas que desexan celebrar este tipo de acordos.
Os acordos de transferencia de tecnoloxía permiten que unha empresa autorice outra a usar dereitos como patentes, deseños ou dereitos de autor sobre software para producir bens ou servizos. Aínda que moitas veces favorecen a competencia ao difundir innovacións e estimular o investimento en I+D, tamén poden incluír restricións con efectos negativos sobre o mercado. O TTBER exime determinados acordos destas prohibicións sempre que cumpran unhas condicións específicas, garantindo que as compañías que se axusten a elas teñen certeza de que os seus contratos son conformes co artigo 101 TFUE. Pola súa parte, as Directrices ofrecen orientación para avaliar tanto os acordos cubertos pola exención como os que quedan fóra.
Entre as modificacións propostas salientan catro bloques. En primeiro lugar, aclárase a aplicación dos limiares de cota de mercado para os mercados de produto e tecnolóxicos, prolongando ata tres anos o período de graza cando se superen esas cotas durante a vixencia do acordo. En segundo lugar, introdúcense cambios no porto seguro aplicable os pools tecnolóxicos (conxuntos de dereitos reunidos e licenciados de maneira conxunta), mellorando a transparencia sobre as tecnoloxías incluídas e a súa esencialidade, aspecto clave nos casos de patentes esenciais para estándares. En terceiro lugar, establécese por vez primeira unha orientación específica para os Grupos de Negociación Conxunta de Licenzas (LNG), que reúnen a implementadores para negociar condicións comúns cos titulares de tecnoloxía; as Directrices distinguen estes grupos de eventuais carteis de compradores e crean tamén un porto seguro baixo certas condicións. Finalmente, o borrador incorpora a licenza de datos, cada vez máis relevante na economía dixital, explicando como se aplican os principios do TTBER cando os datos forman parte dunha base de datos protexida por dereitos de autor ou polo dereito sui generis da Directiva de Bases de Datos.
As partes interesadas poden enviar comentarios ata o 23 de outubro de 2025. A Comisión terá en conta estas achegas antes de aprobar a versión definitiva, que debe entrar en vigor antes da caducidade do actual TTBER, prevista para o 30 de abril de 2026.
Esta revisión chega tras unha avaliación publicada en novembro de 2024 que concluíu que o marco normativo segue sendo útil, pero que identificou marxes de mellora en termos de seguridade xurídica e adaptación ás novas dinámicas do mercado, especialmente no ámbito do licenciamento de datos. A consulta actual enmárcase tamén nun proceso de avaliación de impacto que incluíu unha chamada a probas, unha primeira consulta pública en xaneiro de 2025 e un informe pericial sobre licenzas de datos divulgado hoxe.
Cómpre lembrar que, aínda que estas Directrices tratan sobre pools tecnolóxicos con patentes esenciais para estándares (SEP), non teñen relación co proxecto de Regulamento de SEPs retirado recentemente pola Comisión, que perseguía outros fins como reforzar a transparencia e promover condicións FRAND (xustas, razoables e non discriminatorias).