A triloxía de Mass Effect recompilarase para Xbox 360, PC ¡e PS3!

xoves, 27 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Electronic Arts e Bioware anunciaron que o vindeiro 6 de novembro comezarán a pór á venda Mass Effect Trilogy, un lote que recompila as 3 entregas das aventuras do comandante Shepard nunha edición de luxo que inicialmente estará dispoñible para PC e Xbox 360, de xeito que quen non gozara deste impresionante saga poderá agora gozala de vez, conseguindo unha experiencia uniforme (os personaxes gardados nun xogo poden reciclarse nas súas secuelas, con efectos sobre a historia) que garante máis de 75 horas de diversión, sen ocultar que este lanzamento aspira a ser un bo agasallo de Nadal que nos EE.UU. venderase por 59,99 dólares.
Unha das grandes novidades deste anuncio é que Mass Effect Trilogy tamén contará cunha versión para PlayStation 3, algo que sorprende porque a primeira entrega da saga non chegou a editarse para PS3, de xeito que estariamos ante a primeira ocasión na que poderá xogarse aos 3 títulos principais da franquía na consola doméstica de Sony. O primeiro Mass Effect non chegará ás tendas de xeito independente en formato físico, aínda que será posible mercalo en formato descargable por 14,99 dólares dende o mesmo día no que estea dispoñible a triloxía completa para PS3.

A triloxía de Mass Effect recollerase nunha edición moi completa e a un prezo axustado

PUBLICIDADE