As últimas innovacións tecnolóxicas chegan este verán á Aula CEMIT de Tomiño

martes, 25 de xuño do 2024 S. P.

Este verán volven os cursos sobre tecnoloxías disruptivas a Tomiño. Segundo informou o Concello, a Aula CeMIT prepara “dous meses cargados de actividades” coas que a rapazada terá a oportunidade de explorar e aprender sobre as últimas innovacións tecnolóxicas “dun xeito divertido e creativo”. En concreto, durante os meses de xullo e agosto a aula impartirá varios cursos para nenos e nenas de 8 a 11 anos e mozos e mozas de 12 a 16 anos.
Estes cursos “permitirán ás rapazas e rapaces experimentar con tecnoloxías emerxentes e desenvolver competencias relevantes para o mundo actual e futuro, achegándoas/os a estas innovacións para facer delas e deles cidadás e cidadáns dixitais competentes”, explica a alcaldesa, Sandra González.
Será un curso de balde cunha duración de 10 horas e con diferentes datas e quendas de participación para que as persoas interesadas poidan escoller a que mellor se adapte á súa axenda. Así haberá clases as persoas interesadas en participar poderán elixir entre sete quendas diferentes dependendo das idades.
A rapazada de 8 a 11 anos poderá escoller entre as semanas:
Do 1 ao 5 de xullo.
Do 29 de xullo ao 2 de agosto.
Do 19 ao 23 de agosto.
Pola súa banda, o grupo de 12 a 16 anos poderá escoller entre as semanas:
Do 15 ao 19 de xullo.
Do 5 ao 9 de agosto.
Do 26 ao 30 de agosto.
As clases impartiranse de luns a venres de 10.00 a 12.00, nas que a rapazada gozará das novas tecnoloxías deseñando obxectos para logo imprimilos nunha impresora 3D, coñecendo o funcionamento das lentes de Realidade Virtual, programando un dron que faga voos de maneira automática, aprendendo programación e robótica coa placa Micro:Bit e falando dos fundamentos da electrónica coas placas Arduino.
Para obter máis información ou inscribirse as persoas interesadas poden chamar ao 640 95 67 14, mandar un correo a cemit.tomino@xunta.gal ou pasar pola Aula CeMIT, situada no parque do Campo da Feira de Tomiño, de luns a venres de 9.15 a 13.45, ademais dos martes de 16.30 a 20.30.