As universidades do suroeste europeo, a Xunta e NTT DATA impulsarán un Laboratorio TIC en Galicia

luns, 28 de outubro do 2024 S. P.

O reitor da USC, Antonio López, presidindo a presentación do proxecto nunha foto de Santi Alvite

A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), a Xunta de Galicia e a multinacional tecnolóxica NTT DATA presentaron un proxecto de colaboración encamiñado a crear un Laboratorio TIC en Galicia que operará de plataforma de servizos avanzados de dixitalización. O reitor Antonio López presidiu o pasado venres 25 o acto institucional de presentación, que se desenvolveu no Reitorado da USC no Colexio de San Xerome.
O reitor estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o reitor da UDC e secretario xeral de CRUSOE, Ricardo Cao; o presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica de CRUSOE, Salustiano Mato, e o director científico da Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital, Juan Castro. A delegación da multinacional xaponesa estivo formada por Kenichi Kawashima, Tomoe Nakano e Ayaka Goto, acompañados polos responsables de NTT DATA no Noroeste de España (Galicia e Asturias), Alberto Borrego e Pablo Manzano.
Segundo fixeron saber o Laboratorio TIC desenvolveríase como Unidade Mixta posta en marcha pola Xunta de Galicia e planéase como un” modelo de negocio para o sector turístico de colaboración público-privada e unha plataforma tecnolóxica de servizos avanzados, con acceso a tecnoloxías e capacidades dixitais de vangarda, que permitirá desenvolver proxectos emblemáticos de dixitalización en distintos ámbitos como o medio natural ou cultural, como a reconstrución do Coro Pétreo da Catedral de Santiago de Compostela”.
Explicaron tamén que o laboratorio podería estender o seu ámbito de actuación á macrorrexión do suroeste europeo, grazas ao acordo de colaboración alcanzado en decembro de 2023 por CRUSOE e os gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León para desenvolver un programa cuxo obxectivo principal é impulsar a reactivación económica e a xeración de emprego, aproveitando os recursos do patrimonio cultural e natural do sur de Europa.
Así, impulsaría proxectos dixitais nas catro comunidades autónomas que permitan un impacto positivo no desenvolvemento económico, a diversidade cultural, a creatividade, a innovación e a resiliencia económica de todos os territorios. Así mesmo, no ámbito da formación e, a través da colaboración coa rede de universidades de CRUSOE, búscase fomentar as capacidades de capital humano con estudos de posgrao internacionais, como un Erasmus + coa UNAM de México e a Universidade de Toquio, co obxectivo, entre outros, de promover ata 100 novas spinoffs vinculadas ao Laboratorio TIC.