As universidades e unha ducia de concellos lanzan un concurso para encher YouTube de vídeos en galego
martes, 29 de novembro do 2016
As
universidades galegas, a través da acción conxuntan dos seus
servizos de normalización lingüística, veñen de pór en marcha un
certame en liña de vídeos para impulsar a presenza do galego na
Rede. Trátase do certame Youtubeir@s, no que colaboran tamén os
concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense,
Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e o Grove. A idea,
amais de fortalecer a vitalidade da nosa lingua na Internet (en
xeral) e en YouTube (en particular) é facilitar o traballo en común
e o intercambio de coñecemento e habilidades sobre calquera eido ou
temática creativa. Ou sexa, cada vídeo autoproducido será en si
mesmo unha fonte de información da que poderemos tirar proveito. O
concurso foi dado a coñecer este martes no Colexio de San Xerome, en
Santiago.
Participaron
a vicerreitora de Servizos Universitarios, Carme Silva, a
coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, a
concelleira de Cultura de Teo, María Pilar Pérez Faxil e o
concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto
Oubiña.
Segundo fixeron saber, Youtubeir@s,
concurso de vídeos na rede arrincará este xoves, e o prazo de
presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Poderán
presentarase persoas maiores de 14 anos que deberán formalizar a súa
inscrición en liña. Os vídeos deberán ter unha duración
aproximada de 5 minutos, estar licenciados en Creative Commons
(licenza libre para podermos
botar man de contidos e adaptalos ao tempo que recoñecemos a autoría
orixinal), achegarse en galego e estar dispoñibles na rede
social YouTube. Segundo engadiron, “quen optar ao concurso, poderá
concorrer en dúas categorías: Vídeo-facermos (para
videotitoriais que amosen como realizar calquera proceso, dende unha
receita ata como instalar un programa informático), e
Vídeo-opinarmos (para aquelas propostas que acheguen unha
opinión ou valoración respecto de calquera tema)”.
Cada
unha destas categorías premiarase cun premio en metálico de 1.000
euros e catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os
criterios de valoración do xurado, composto por profesionais da
comunicación audiovisual.
Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros
formativos para todas aquelas administracións locais que desexen
programalos. Estas accións formativas, que se desenvolverán de
xeito parello ao concurso, estarán impartidas pola produtora Illa
Bufarda.
Vídeo de presentación de Youtubeir@s
