As utilidades da IA nos RRHH centraron unha xornada na Cidade das TIC, coa asistencia de medio cento de persoas

martes, 25 de novembro do 2025 S. P.

A Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas da Coruña) acolleu a semana pasada, o xoves 20 de novembro, unha xornada formativa de balde destinada a facilitar as boas prácticas profesionais en materia de Intelixencia Artificial e Recursos Humanos. A xornada O novo marco legal para o bo uso da IA en HR, na que participaron unhas cincuenta persoas, foi organizada por Vitae Consultores, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), Kelea e o bufete galego especializado en novas ferramentas da información Pintos & Salgado.
O evento achegou catro puntos de vista sobre a dita cuestión da IA e os Recursos Humanos: o da área de RRHH na empresa, o dos profesionais informáticos, o do regulador e o das persoas expertas legais en protección de datos e da información.
A xornada serviu para tirar importantes importantes conclusións, como a constatación das importantes vantaxes que reporta o uso da IA Xenerativa á área de Recursos Humanos, que están a empregar estes recursos con cada vez máis frecuencia, aínda que, iso si, “vendo moitas trabas legais para aproveitalos ao máximos, trabas que en países da fóra da UE non teñen e que poden achegar un factor de desvantaxe na contorna europea”.
Tamén se constatou que a nivel técnico as plataformas de IA Xenerativa empregan toda a información facilitada e “por esta razón o uso dos datos sensibles ten que ser moi coidadoso pois a probabilidade de que se utilice para adestramentos de modelos é moi alta”.
Os relatores da xornada tamén destacaron que o uso da información a nivel de RRHH está considerado polo lexislador europeo cun nivel de “alto risco”, o segundo máis crítico dos catro niveis de existen, e que “esta lexislación entrará en vigor en agosto de 2026, polo que todas as plataformas de xestión e áreas de HR deberán cumprila”.
Avogouse ademais por informar polo miúdo e claramente a todas as persoas aspirantes a integrarse nunha empresa de que a información da súa candidatura profesional poderá ser empregada ou procesada por sistemas de IA.
Dende Vitae Consultores destacaron que “a IA Xenerativa é unha ferramenta útil para o noso día a día en Human Resources, pero que temos que ser moi coidadosos e estar ben asesorados legalmente dos límites de uso de información tan sensible que manexamos con estas ferramentas de IA, pois o seu potencial é realmente enorme como enormes poden ser os riscos do seu mal uso, por iso a realización deste evento”.
No evento participaron como relatores María Dorrego de Kelea; María Esteller Fernández da AESIA - Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial; Fernando Suárez Lorenzo do ​Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; e Víctor Salgado Seguín, avogado de Pintos & Salgado Abogados, S.C.P.