As utilidades da fidelización web, polo miúdo nun seminario en liña da Cámara de Santiago

martes, 7 de xaneiro do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago vai comezar o ano con máis actividades formativas que favorezan a transformación tecnolóxica das pemes da demarcación compostelá. Desta volta organízase o vindeiro 14 de xaneiro o seminario en liña Estratexias de fidelización: integra programas de recompensas de clubs de subscricións na túa web. Será a partir das 10.00 horas e encádrase no programa Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital habilitado por Red.es e a Cámara de Santiago.
Abordaranse as claves do crecemento empresarial sostíbel grazas á fidelización e tamén mostraranse exemplos de programas de éxito para pequenos negocios. Tamén se porá o foco en ferramentas de utilidade: programas de recompensas, clubs de subscrición e boletíns personalizados. A relatora será Isabel Viñas del Río, directora de Impulsa Dixital, Consultoría IT e Desenvolvemento Web. Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.