As vellas versións de Android deixarán de recibir actualizacións de Chrome

martes, 24 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver cada certo tempo novas dando conta dos móbiles para os que deixa de ser compatible a aplicación de WhatsApp, o que para moitos supón a data de caducidade dos dispositivos, pero nesta ocasión temos outra aplicación que tamén quere soltar lastre e non manter unha retrocompatibilidade xenerosa: o navegador web Chrome.
Os responsables do navegador advirten de que Chrome 138 será a derradeira versión da aplicación que será compatible con Android 8.0 e Android 9.0, polo que para poder correr Chrome 139 (versión prevista para o 5 de agosto) será preciso contar cun dispositivo que funcione con Android 10 ou superior.
Aínda que as vellas versións de Chrome continuarán a estar operativas, non recibirán actualizacións nin parches de seguridade, polo que non sería recomendable o seu uso e, no futuro, é posible que algunhas páxinas web bloqueen o acceso a navegadores web obsoletos (precisamente para evitar problemas de seguridade).