As viguesas Envita e HC San Rafael, entidades galardoadas nos I Premios á Dixitalización da OAP de Ineo

xoves, 5 de xuño do 2025 S. P.

Ineo, a Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia, celebrou este xoves 5 de xuño a gala de entrega dos seus Premios á Dixitalización, no marco do proxecto da súa Oficina Acelera Peme, outorgado á asociación por Red.es por segunda convocatoria consecutiva. As viguesas Envita Digital Solutions e HC San Rafael, foron finalmente as entidades galardoadas nos I Premios á Dixitalización da OAP de Ineo.
Envita Digital Solutions, nova firma de innovación social que ofrece solucións dixitais para a Atención Centrada nas Persoas, foi recoñecida co premio ao liderado feminino en transformación dixital.
Pola súa banda, o Fogar e Clínica San Rafael, centro de atención a persoas con discapacidade intelectual e de rehabilitación, recibiu o premio a entidade con maior impacto social a través da tecnoloxía.
Tamén foron premiadas Seragro S. Coop. Galega, á dixitalización no medio rural; Beatriz Casal Novoa, Librería Arte e Ciencia, ao emprendemento dixital con impacto local; e o Centro Juan María á educación e capacitación dixital.
Coa creación destes galardóns, Ineo busca “recoñecer o impacto económico, social e territorial das pemes e autónomos galegos que están a liderar procesos de transformación dixital”. A asociación explicou na gala que “aínda que o recoñecemento se limita a cinco entidades, estas só son unha mostra do importante labor que se está facendo en Galicia”. Así o recalcaba a presidenta de Ineo, Lourdes Guerra, destacando que as cinco empresas “ás que hoxe lle daremos un premio, non son máis que un exemplo do ben que están a traballar as empresas galegas, con especial atención ao caso das pemes e as persoas autónomas, que son as que contan con menos recursos, pero están moi atentas para aproveitar ferramentas tecnolóxicas e financeiras que lles permitan mellorar día e ser cada vez máis competitivas”, declaraba.
A presidenta de Ineo tamén salientou a súa satisfacción ao ver os resultados da Oficina Acelera Peme: “Significou un antes e un despois na nosa traxectoria, e non somos unha entidade nova, o próximo febreiro cumpriremos 20 anos” concluía Lourdes Guerra.
Pola súa banda, o director xeneral de Red.es destacou o importante labor das oficinas Acelera Peme na transformación dixital das pequenas e medianas empresas. Sinalou, ademais, que a transformación é “implantar ferramentas, adaptarse ao futuro e incorporar talento”. Ademais, sinalou que en Galicia “téñense concedido máis de 45.000 axudas de Kit Dixital e máis de 900 axudas do programa Kit Consulting”.
A xornada tamén contou coa intervención do delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco; o delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e o presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros.
No mesmo acto, o director de operacións de Ineo, Luis Rey, presentou os resultados obtidos pola Oficina Acelera Peme desde a súa posta en marcha en 2021. Co obxectivo de impulsar a dixitalización do tecido empresarial galego, a Oficina desenvolveu un intenso traballo de asesoramento e apoio a pemes e persoas autónomas nos seus procesos de transformación dixital. Nos últimos catro anos asesorou a preto de 1.000 empresas e deu soporte, a través dos seus servizos, a máis de 1.800. Grazas á organización de máis de 100 obradoiros sobre dixitalización, a iniciativa achegou solucións tecnolóxicas innovadoras a máis de 5.000 asistentes. Ademais, desde a oficina, conseguiuse captar mais de 1.5 millóns de euros de axudas para as empresas.
O obxectivo de Ineo é continuar con esta liña de traballo, asesorando ás empresas, dando visibilidade á importancia da dixitalización e funcionando como ponte entre o sector TIC e o resto do tecido empresarial de Galicia.
Así o confirmaba Lourdes Guerra, anunciando que Ineo xa se presentou á terceira convocatoria do programa. “Agora é todo máis doado e creamos unha rede de contactos, sinerxías e operativa que fan da oficina unha ferramenta moi útil aberta a todo o mundo e con servizos gratuítos ás empresas” explicaba.