As xestións en liña coa Administración galega superan xa ás presenciais

xoves, 13 de setembro do 2018 Redacción

Durante a rolda de prensa do Consello da Xunta, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, constatou o avance de Galicia na implantación da administración dixital, destacando que por primeira vez as xestións en liña superan ás presencias, precisando que, segundo os datos do primeiro semestre, o 53% dos trámites realizáronse en liña, a través da sede electrónica ou dalgunha das oficinas virtuais, o que supón un crecemento de nove puntos con respecto ao mesmo período de 2017, onde a porcentaxe de documentos presentados a través de internet foi do 44%.
Así mesmo, confírmase tamén un importante incremento no uso que fan os funcionarios da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que evita que aos cidadáns volver presentar documentos que xa están en poder da Administración. Entre xaneiro e xuño deste ano, realizáronse 3,3 millóns de consultas, o que supón un incremento de máis do dobre, en concreto, un 113% máis que o ano pasado.
En relación ás notificacións electrónicas, Feijoo aseverou que cada vez son máis os usuarios que as reciben, triplicándose neste último ano o seu uso: 137.000 en xuño deste ano, fronte a 43.000 en xuño de 2017.
Pola súa banda, o número de documentos con sinatura dixital pasou de 691.000 no primeiro semestre de 2017 a máis de 1,1 millóns no mesmo período deste ano.
Para lograr estes avances, foi necesario acometer outras melloras a nivel interno, como por exemplo: o Arquivo Electrónico Único e a dixitalización das principais Oficinas de Rexistro, oito sedes que concentran o 53% da documentación (Rexistro Xeral, Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense e Rexistro da AMTEGA).
O presidente concluíu garantindo o compromiso de se seguir avanzando neste eido, co obxectivo de transformar as oficinas do Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía, na que se apoie aos galegos para presentar documentación online; e crear a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites dixitais en nome doutra persoa.

PUBLICIDADE