As xornadas Galicia Innovation Days de FEUGA rexistran xa participantes de máis de trinta países

mércores, 13 de outubro do 2021 S. P.

As xornadas Galicia Innovation Days que impulsa FEUGA están a espertar o interese de investigadores, universidades, empresas e centros tecnolóxicos de catro continentes. O evento, organizado pola Xunta e a dita fundación universitaria-empresarial co obxectivo de visualizar as oportunidades de financiamento que se abren coas novas convocatorias do programa Horizonte Europa, celebraranse do 25 ao 29 de outubro. A día de hoxe supéranse xa rexistra participantes de máis de 30 países de todo o mundo.
Bélxica, Italia, Francia e Grecia son, tras España, os países con maior presencia no evento que se celebrará en formato en liña e con carácter gratuíto.
Segundo explican fontes de FEUGA, o interese por coñecer as novas posibilidades de financiamento para a I+D+i “traspasa o continente europeo e chega a países como Singapura, India, Ghana, Turquía, Perú, México, Venezuela, Chile ou Guadalupe, entre outros”.
As xornadas Galicia Innovation Days contarán con expertos internacionais que abordarán os distintos clústeres do programa Horizonte Europa para responder así aos retos de futuro aos que se enfronta a nosa sociedade e o papel que xogan a innovación e a investigación.
A organización engade que ao abeiro do extenso programa que acompaña ao evento, as áreas sobre medio ambiente, dixitalización e alimentación son as que concitaron, até o de agora, un meirande interese, seguidos das temáticas relacionadas coa industria, a enerxía e o clima.
Gerd Schönwälder, policy officer para a Transición Ecolóxica e Social da Comisión Europea, Garbiñe Guiu Etxeberria, directora xeral de Investigación e Innovación - Transformacións Industriais da Comisión Europea, e Inge Van Oost, policy officer e directora xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, son o tres relatores destacados do evento até a data, a falta das últimas confirmacións.
Reunións individuais para buscar novos socios
Dende FEUGA lembran que un dos obxectivos de Galicia Innovation Days é “o fomento do networking entre posíbeis socios e colaboradores”. Seguindo este fío e “para facilitar a creación desa rede de contactos” os asistentes poderán realizar intercambio de mensaxes e reunións individuais durante as catro xornadas a través da plataforma b2match. O prazo de rexistro ficará aberto até o 29 de outubro. “Os asistentes poderán pendurar nunha plataforma o seu perfil, os seus intereses, solicitar reunións e ver oportunidades de colaboración en materia de I+D+i, en materia comercial e para a solicitude de fondos de financiamento europeo”, explica a directora de Innovación e Programas Europeos de FEUGA, Almudena Justo.
Un impulso á investigación e a innovación
O impulso á investigación e á innovación é unha das liñas estratéxicas de FEUGA que conta cunha área de programas europeos dirixido por Almudena Justo. A Fundación Universidade Empresa Galega, cun equipo multidisciplinar de expertos en international business e representación en Bruxelas, eríxese como axente para facilitar as negociacións entre empresas, investigadores e axentes públicos, representando os intereses de distintos colectivos. “No noso equipo somos expertos en transferencia tecnolóxica e de coñecemento. O noso obxectivo é que os resultados de investigación cheguen ao destinatario final, cheguen á cidadanía, cheguen á industria. Para este traballo temos un equipo multidisciplinar formado por equipos técnicos con especialización en distintas áreas tecnolóxicas e con grandes habilidades de negociación para a consecución de fondos europeos que apoien a I+D+i e que respalden esa transferencia tecnolóxica. En liña con este traballo desenvolverase o evento Galicia Innovation Days”, destaca Almudena Justo.
As xornadas permitirán mostrar as capacidades de Galicia en investigación e innovación, así como informar os participantes das novas convocatorias de Horizonte Europa, o novo programa de financiamento europeo de I+D+i e que conta cun orzamento de 95.000 millóns de euros para o período 2021-2027.

PUBLICIDADE