As xornadas de hubNET poñen o foco nas vantaxes das tecnoloxías para o sector forestal

xoves, 16 de novembro do 2023 S. P.

Emprendedores e pemes do sector forestal puideron coñecer este 16 de novembro as últimas solucións tecnolóxicas que están a transformar a xestión do sector e impulsando a innovación e o desenvolvemento de novos negocios en Galicia. Foi no marco dunha xornada técnica que se celebrou na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra dentro do Ciclo de Xornadas Constrúe o teu futuro na era dixital da iniciativa dixital hubNET, liderada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
A xornada foi impartida por Julián Sobrino, xefe de equipo de Bahía Software, que estivo acompañado polo director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, e polo director xerente da Cámara PVV, Víctor Varela Caride.
O especialista de Bahía Software detallou que a tecnoloxía está a achegar importantes vantaxes ás empresas do sector forestal e á xestión deste sector no seu conxunto. Entre elas, destacou “a simplificación administrativa, que está a desembocar nunha xestión máis eficiente dos recursos, así como a maior facilidade para o cumprimento normativo”. Tamén fixo alusión ás solucións no ámbito da vixilancia ambiental. E subliñou así mesmo os desenvolvementos que permiten marcar a rastrexabilidade (a trazabilidade) dos produtos da cadea monte-industria, tecnoloxía que resulta esencial para dar resposta aos requisitos que marca a nova normativa europea. Por último, asegurou que “todos estes avances na dixitalización son tamén un incentivo que facilita e propicia á Investigación e o Desenvolvemento sector forestal”.
Sobrino afirmou que “é esencial que persoas formadas con experiencia no sector forestal acheguen na construción das solucións tecnolóxicas para este eido”, e asegurou que existe unha importante demanda deste tipo de perfís nas empresas de desenvolvemento de software. “A xente coñecedora do sector achega valor a unha empresa tecnolóxica, porque coñece as necesidades, a lexislación vixente, as novas tendencias e as oportunidades de mellora e innovación”. Por eso, animou aos emprendedores para pensar tamén nesta vía profesional de futuro.
Julián Sobrino repasou solucións que a día de hoxe xa están dispoñíbeis neste sector, entre elas as que permiten facer inventario dun monte con solucións similares a un xemelgo dixital, as que facilitan a tramitación de permisos de corta, as que permiten xestionar os proxectos de ordenación forestal, as centradas na sanidade forestal, que facilitan a detección temperá, control e seguimento de enfermidades forestais, as de xeolocalización do monte, a observación do monte mediante satélites, ou os desenvolvementos para a xestión do CO2.
Citou desenvolvementos de referencia nestes segmentos que xa están operativos na nosa Comunidade, como o Inventario Forestal de Galicia (INVEGA), que permite coñecer a distribución e caracterización das masas forestais de Galicia e a dispoñibilidade dos recursos e servizos que provén os bosques; ou a aplicación CORWEB, que posibilita que os cidadáns xestionen as solicitudes de aproveitamento madeireiro en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia.
Pola súa banda, o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, quixo subliñar que “o aproveitamento das ferramentas tecnolóxicas é clave para gañar eficiencia e competitividade no sector forestal a través da xestión da información”. E engadiu: “Galicia é pioneira neste tipo de ferramentas e isto dános unha enorme vantaxe”.
Co ciclo de xornadas Constrúe o teu futuro na era dixital, a Cámara de Comercio Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa envórcase coa transformación dixital das pemes e o emprendemento a través da iniciativa dixital hubNET. O programa inclúe un total de 9 eventos, entre conferencias, seminarios e xornadas técnicas, que se celebran estes días en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra e que están dirixidos a sectores estratéxicos en Galicia: forestal, transporte e loxística, turismo e comercio comerciante polo miúdo.

PUBLICIDADE