As xornadas galegas contra a trata sexual celébranse este xoves en liña e a través de YouTube

mércores, 14 de outubro do 2020 Sonia Pena

JPEG - 177.3 KB
As youtubeiras e activistas integrantes de Towanda Rebels

Este xoves 15 de outubro celébrase a novena edición das Xornadas da Rede Galega Contra a Trata Sexual, que este ano poñen o foco, tematicamente, na prostitución como forma de violencia machista. Ademais, dende o punto de vista formal as xornadas veñen con novidades, xa que se van desenvolver online, achegándose ás maiores audiencias posíbeis a través da canle de YouTube Rede Galega. A cabeza de cartel das xornadas serán as influencers activistas Towanda Rebels, duo formado por Teresa Lozano e Zua Méndez.
Este xoves 15 de outubro, celebraranse, como cada ano, as IX Xornadas da Rede Galega contra a Trata Sexual, organizada pola organización que recibe o mesmo nome e que conforman ata 10 entidades galegas do terceiro sector e unha investigadora.
Estas xornadas están destinadas a todas aquelas persoas que queren enriquecer os seus coñecementos sobre a realidade que viven as mulleres que están exercendo a prostitución e que a sofren como arma de violencia machista
A xornada será inaugurada pola Secretaría Xeral de Igualdade. As 10.20 h comezará o relatorio das youtubers e influencers Towanda Rebels, que acumulan máis de 35.000 seguidores en Instagram e YouTube. Teresa e Zua, na súa intervención, analizarán as claves do sistema prostitucional, poñendo especial atención nos homes que perpetúan este tipo de violencia, desarmando os principais mitos en torno á prostitución. A continuación falarán Begoña Vera Guanche, do Programa Daniela-Oblatas Las Palmas G.C., xornalista e presentadora do programa Akelarre; Celsa Perdiz, xefa de servizo de Traballo Social na área de Ourense, Verín e o Barco, e profesora na Universidade de Vigo; e Carlos Villar Arévalo, portavoz da Rede Galega Contra a Trata Sexual e avogado especializado en Dereito de Estranxeiría, Migración e Inmigración.
Este ano, por motivos de prevención, as xornadas celebraranse de maneira virtual. Todas as persoas que así o desexen, poderán acceder de xeito moi sinxelo, a través da canle de YouTube oficial da Rede Galega Contra a Trata Sexual (@RedeGalega) , a todos os relatorios. Ademais, as asistentes poderán participar activamente das charlas a través dun chat en vivo para formular preguntas ou traer temas a debate que serán interpretadas por cada relatora ao remate da súa intervención.
Para consultar calquera dúbida, para formalizar a inscrición ou para solicitar acreditación do aproveitamento das xornadas, poderemos usar a conta xornadaredegalegacontraatrata@gmail.com ou no QR que aparece no cartaz.

PUBLICIDADE