As xornadas hubNET poñen o foco na xestión do turismo
martes, 21 de novembro do 2023
Vilagarcía acollía este martes 21 de novembro pola mañá unha
xeira técnica inserida no Ciclo de xornadas Constrúe o teu
futuro na era dixital, da iniciativa dixital
hubNET, liderada pola Cámara de Comercio de Pontevedra,
Vigo e Vilagarcía de Arousa. Neste encontro, encamiñado a
emprendedores e pemes do sector do turismo, déronse a coñecer as
últimas solucións tecnolóxicas que están a transformar a xestión
neste ámbito e están a impulsar a innovación e o desenvolvemento
de novos negocios neste sector en Galicia, á vez que melloran a
experiencia do viaxeiro.
Na xornada, titulada Solucións tecnolóxicas para a mellora da
xestión do turismo, impartida por Emilio Diez Rico (director de
TI da consultora Dos Espacios), tamén compartiron os seus casos de
éxito as startups Servizos Hoteleros 360 (SH360) e
SuitesNature, que participan na aceleradora de proxectos turísticos
da Xunta de Galicia, Turislab. Emilio Diez abordou as claves dos
novos desenvolvementos dixitais que están a revolucionar as
actividades ligadas ao turismo e á súa xestión, e que permiten
avanzar cara a unha maior sustentabilidade da actividade e a
optimización da experiencia do viaxeiro. Como exemplo de
transformación e innovación que está a chegar da man da
dixitalización, Emilio Diez aludiu ao ecosistema de empresas que
forma parte de Turislab, a primeira aceleradora galega de proxectos
turísticos impulsada pola Xunta de Galicia, que naceu co obxectivo
de crear un ecosistema aberto e unha rede de recursos para proxectos
innovadores especializados no turismo sustentábel e de calidade.
Entre estes proxectos, salientou os de Galicia Turistic, Servizos
Hostaleiros 360 ou Suites Nature, que puideron coñecer de primeira
man os asistentes a esta xornada. Entre os casos de éxito, Ramón
Álvarez explicou a experiencia de Servizos Hoteleros 360 (SH360),
unha consultora especializada en asesoramento e solucións para pequenas empresas hostaleiras. E seguindo coa xestión hostaleira, a
solución tecnolóxica Guestin dá servizo a 70 establecementos de
toda España, funcionando como unha recepción virtual que permite
unha xestión totalmente a distancia do establecemento (check-in,
acollida do cliente, control de acceso automáticos, información
turística ao viaxeiro, pagos, tarefas de xestión, e mesmo a
resposta automatizada a pequenas solicitudes habituais que pode ter o
hóspede).
Pola súa banda, SuitesNature é unha firma que nace co obxectivo de
promover un cambio no sector turístico orientado á
sustentabilidade. Por iso, a solución que propón esta empresa, co
soporte das novas tecnoloxías, pasa por “premiar ao viaxeiro cun
novo método de pago, a tarifa sustentábel, que substitúe ao pago
por noite e bonifica ao viaxeiro sustentábel”, segundo palabras do
seu impulsor Jorge Martínez.
Engadir que o Ciclo de xornadas Constrúe o teu futuro na era
dixital inclúe un total de 9 eventos, entre conferencias,
seminarios e xornadas técnicas, que se celebran estes días en
Vilagarcía de Arousa e Pontevedra e que están dirixidos a sectores
estratéxicos en Galicia: forestal, transporte e loxística, turismo
e comercio ou comercio retallista (comercio polo miúdo).