Ashton Kutcher supera o millón de seguidores en Twitter

venres, 17 de abril do 2009 Marcus Fernández

O actor Ashton Kutcher saíu coa súa e durante as últimas horas conseguiu converterse no primeiro usuario de Twitter en ter máis dun millón de seguidores, superando á CNN e a Britney Spears. A vitoria foi moi axustada, xa que no momento de chegar ao millón de followers, a vantaxe do actor sobre a canle de televisión era de só 1.762 seguidores, aínda que esta distancia parece que segue a medrar (no momento de escribir estas liñas achégase aos 6 mil usuarios).
Este momento histórico é moi importante tanto para o ego de Kutcher como para Twitter, servizo web que conseguiu así unha atención mediática impresionante, o que podería axudarlle na súa valoración económica de cara a unha eventual venda, pois nas últimas semanas non cesaron os rumores de que tras o fracaso das negociacións con Facebook, Twitter podería rematar nas mans de Microsoft, Yahoo ou Google, operación que podería pecharse en breve (aproveitando o bo momento da compañía).
Para celebrar a boa racha o cofundador de Twitter, Evan Williams, aparecerá hoxe xunto con Ashton Kutcher no popular programa de televisión de Oprah Winfrey, presentadora que tamén estrearase en directo coma usuaria de Twitter.

Kutcher celebrando a súa vitoria

PUBLICIDADE