Asinado o acordo para integrar o persoal da Fundación TIC na Deputación de Lugo

luns, 19 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo asinou a proposta para a integración dos traballadores da Fundación TIC na devandita entidade provincial da que viña dependendo. O acordo formalizárono, máis en detalle, o presidente da Deputación de Lugo e patrón da Fundación TIC, Darío Campos, os representantes dos traballadores da fundación, e os responsábeis do comité de empresa do organismo provincial. A proposta determina o paso do devandito persoal ao cadro de empregados públicos da entidade que preside Darío Campos, como traballadores fixos.
Darío Campos dixo que “dende o Goberno da Deputación cumprimos coa palabra dada aos profesionais da TIC, cando entramos na institución”. Segundo fixo saber, o acordo asinado supón un importante aforro de custes, pois “suprímense entes dependentes e simplifícanse e homoxeneízanse estruturas administrativas”.
No acordo cos traballadores e sindicatos, establécese que as empregadas e empregados da TIC incorporaranse, en detalle, ao Cadro de Persoal e á Relación de Postos de Traballo nas mesmas condicións laborais que acrediten no momento da disolución da TIC, prevista para o 31 de decembro de 2018.
Darío Campos lembrou que o equipo da fundación accedeu á dita condición laboral despois de superar o correspondente proceso selectivo mediante convocatoria pública, no que se respectaron os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, formalizando o correspondente contrato laboral.
A proposta do presidente
Darío Campos Conde propuxo en decembro de 2017 ao padroado da Fundación TIC a modificación dos seus estatutos para iniciar o proceso de disolución. En xaneiro, unha vez aprobada dita proposta, esta foi remitida á Xunta de Galicia para contar co seu visto e prace, imprescindíbel por lei. Foi en marzo cando se contou co beneplácito da Administración autonómica. En maio, Campos trasladou este acordou ao padroado. Unha vez feita a modificación estatutaria, o Goberno provincial levou ao pleno da Deputación a proposta de liquidar a fundación e asumir ao seu persoal e actividade para poder extinguila con data 31 de decembro de 2018.

PUBLICIDADE