Assasin’s Creed Valhalla acompaña no lanzamento ás novas Xbox

mércores, 11 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Esta semana podemos dicir que é cando comeza a nova xeración de consolas de videoxogos, xa que dende o luns é posible ter unha Xbox One X ou unha Xbox One S, aínda que a primeira esgotou existencias rapidamente, dándose por feito que no que resta de ano só vai estar dispoñible para que a reserve previamente. Pero as consolas de Microsoft chegaron acompañadas por un xogo bastante esperado, Assassin’s Creed Valhalla, que xa é unha realidade, estando dispoñible para todas as Xbox One, Xbox Serie X/S, PS4 (que na súa versión dixital tamén desbloquea a versión para PS5), PC e Stadia.

Poder elixir o sexo de Eivor supón un importante paso para a franquía de Assassin’s Creed

Aínda que estamos ante un xogo interxeneracional que claramente non explotará ao máximo as consolas de nova xeración, inclúe melloras dabondo como para que poidamos facernos unha idea do que este tipo de títulos achegarán nos vindeiros anos.
Assassin’s Creed Valhalla colócanos na pel da dunha lenda viquinga na procura de gloria, Eivor, personaxe que poderá ser masculino ou feminino en función das nosas preferencias, e co que teremos que explorar un mundo aberto ambientado na desapiadada Inglaterra dos anos escuros. Haberá que saquear aos inimigos, conseguir recursos para fornecer o noso asentamento e consolidar o poder político para gañar o favor dos deuses e un espazo no Valhalla.
Aínda que esteamos ante un xogo da saga de Assassin’s Creed, esta produción de Ubisoft soubo respectar a súa ambientación, de xeito que poderemos participar en saqueos viquingos contra fortalezas e tropas saxoas facendo gala do estilo brutal de combate dos viquingos, á vez que tamén veremos a meirande variedade de inimigos de toda a franquía.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE