Tras varias filtración, por fin é oficial o anuncio de Assassin’s Creed IV: Black Flag, xogo de Ubisoft que vén de estrear o seu primeiro trailer, e que sairá o 29 de outubro en versións para PC, Xbox 360, PlayStation 3 e Wii U (estando dispoñible máis adiante para PS4 e para a futura nova consola de Microsoft), trasladando a historia ao ano 1715, con piratas dominando o Caribe, onde estará o capitán Edward Kenway, avó do protagonista de Assassin’s Creed III, dando a entender que estamos ante unha especie de spin-off da anterior entrega, pero mudando de protagonista (de aí que avance de número o seu título).
Polo que puido verse do xogo dá a impresión de que estamos ante unha variación da anterior entrega, incorporando cambios que procuran facelo máis atractivo, e fuxindo da Revolución Estadounidense, que non callou tanto como era de agardar. O xogo combinará tanto escenas en embarcacións (tras funcionar sorprendentemente ben en Assassin’s Creed III) con numerosas escaramuzas e secuencias de sixilo, na liña ao que esta saga nos ten afeito, pero aproveitando o atractivo do mundo pirata, tan de moda nos últimos anos. Para ir creando expectación temos ao propio Barbanegra falando do novo asasino da saga de Ubisoft:
