Assassin’s Creed Syndicate sae á venda

venres, 23 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Xa está aquí. Por fin pódese mercar o xogo Assassin’s Creed Syndicate, título que continúa a saga de Assassins contra Templarios, que pretende superar o mal sabor de boca inicial deixado pola súa anterior entrega (Assassin’s Creed Unity) que chegou ao mercado pouco depurado, de xeito que, pese a non ser un mal xogo e incluír bastantes novidades, decepcionou a moitos xogadores que buscaban un mellor acabado na primeira entrega da saga para consolas de nova xeración.
Este novo xogo sitúanos en Londres no Ano 1868, en plena Revolución Industrial, permitíndonos meternos na pel de Jacob Frye, un Assassin que emprega as súas habilidades para axudar aos que ven os seus dereitos machucados polo avance e o progreso, liberando a nenos empregados como escravos en fábricas ou roubando obxectos preciosos de barcos inimigos. Tamén haberá que actuar como líder dunha banda, tecendo alianzas con outras bandas para conseguir arrebatar aos Templarios o control da cidade.
Esta aventura de mundo aberto manterá o parkour propio da saga, aínda que tamén veremos persecucións en carruaxes, combates no alto de trens e incluso poderemos atravesar o río Támesis... coincidindo con personaxes históricos como Darwin, Dickens ou a Raíña Victoria.

Tráiler de lanzamento protagonizado por Jacob Frye
Aínda que o protagonista de referencia é masculino, o xogo tamén ofrece como alternativa á mestra do sixilo Evie Frye, quen colaborará co seu irmán xemelgo Jacob na recuperación de Londres, destacando por apostar pola infiltración e os ataques máis sutís, mentres que Jacob opta por enfrontamentos máis directos e brutais. Evie sería a primeira protagonista feminina nun dos xogos de Assassin’s Creed principais (xa que as anteriores Assassin femininas protagonizaran spin-offs).

Tráiler de lanzamento protagonizado por Evie Frye
Assassin’s Creed Syndicate pode mercarse por 69,99 euros para Xbox One e PlayStation 4, e por 59,99 euros para PC.

PUBLICIDADE