Assassin’s Creed estrea un xogo desenvolvido con tecnoloxías web

luns, 19 de maio do 2014 Marcus Fernández

Microsoft anunciou hoxe unha alianza con Ubisoft para facer posible o primeiro título da franquía de Assassin’s Creed que funciona facendo uso de tecnoloxías HTML5, JavaScript e con gráficos 3D WebGL, que baixo o título de Assassin’s Creed: Pirates (título que xa adoptara un xogo móbil da franquía) achega un xogo no que capitanear un barco polos mares do Caribe, evitando minas e chegando a certos obxectivos.
Assassin’s Creed: Pirates conta xa cunha versión de demostración que emprega o framework de código aberto Babylon.JS, que permite a creación de xogos con gráficos 3D que poidan correr sen problema en navegadores web como o Internet Explorer, Google Chrome, Firefox, Opera ou Safari, especialmente en dispositivos táctiles de Microsoft. Nesta demo podemos mover un barco esquivando obstáculos para acadar certos obxectivos no menor tempo posible, permitindo que se comparta a puntuación acadada cos amigos.
Unha curiosa proposta que demostra que as tecnoloxías web cada vez son máis potentes, e non só permiten a execución de xogos simples, senón que tamén serven de soporte para títulos con gráficos complexos e distintas interfaces de control.

PUBLICIDADE