Astroplant mergulla á rapazada nas tecnoloxías aeroespaciais dende o Campus de Ferrol

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

O Campus de Ferrol consolídase cada ano como un sobranceiro foco de divulgación tecnolóxica ao servizo das novas xeracións STEM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). Por exemplo a través do proxecto educativo Astroplant liderado pola Asociación Áurega con sede en Narón, ao que se achegan máis de 80 nenas e nenos de idades comprendidas (entre os 5 e os 16 anos) cada dúas semanas. Segundo informa a UDC, as sesións celébranse no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol, en colaboración coa Academia Gazapo e Miguel Riola de Araiva.
Divididos en pequenos grupos, as rapazas e rapaces traballan cun kit tecnolóxico facilitado pola Axencia Espacial Europea (ESA) que lles permite explorar as posibilidades de autoabastecemento de vexetais para dotar de soporte vital aos astronautas en futuras misións espaciais interplanetarias.
Deste xeito, ao longo do curso 2021/22, as e os participantes traballarán cun kit tecnolóxico onde as plantas medran nunha contorna controlada por un ordenador simulando as condicións que experimentarían nunha futura colonia extraterrestre.
Tal e como indican desde a Asociación Áurega, durante todo este período, as crianzas participantes “aprenderán a traballar en equipo, a identificar e a resolver problemas, a interpretar planos e esquemas, a empregar distintas ferramentas informáticas, a realizar experimentos protocolizados e a interiorizar conceptos básicos de electrónica”.
A maiores, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acollerá tamén, dous sábados ao mes, as sesións impartidas pola psicóloga Andrea Bechlian no marco da Escola de Familia que promove a Asociación Áurega e na que participan os pais e nais destes nenos e nenas con altas capacidades.

PUBLICIDADE