Asturias interésase polas ferramentas informáticas de xestión forestal de Galicia

mércores, 16 de xullo do 2025 Redacción

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse hoxe co director xeral de Xestión Forestal do Principado de Asturias, Javier Vigil, e co seu equipo, co propósito de presentarlles as ferramentas informáticas de xestión forestal implantadas en Galicia, especialmente en relación coa tramitación telemática das cortas de madeira, a xestión de contratos menores e os procesos de concurso. Os representantes asturianos amosaron un notable interese por estes sistemas, que consideraron moi positivos e adaptables á súa propia realidade forestal.
Durante o encontro tamén se abordou o desenvolvemento tecnolóxico ligado á xestión forestal no contexto do Plan de simplificación e dixitalización administrativa promovido pola Consellería do Medio Rural, que forma parte do Plan Forestal de Galicia 2021-2040.