Asus prepara unha consola portátil baseada en Windows 11

martes, 4 de abril do 2023 Marcus Fernández

O éxito da Steam Deck está a provocar a aparición de novas consolas de videoxogos portátiles baseadas en PC, e a última compañía en sumarse á competición é Asus, que o pasado sábado anunciou a súa consola ROG Ally, conseguindo unha repercusión moi moderada por culpa da torpeza da compañía de publicar os primeiros detalles da máquina o Primeiro de Abril, polo que non estaba nada claro se era unha broma, até que confirmaron a veracidade do produto días despois, de aí que agora exista certa expectación por un produto que promete ser un portento técnico.
A ROG Ally sería unha consola portátil cunha pantalla táctil de 7 polgadas a 1080p cunha velocidade de refresco de 120 Hz, detalle que a sitúa moi por diante da Steam Deck (que ten un panel 800p a 60 Hz). Aínda non se coñecen moitos detalles, pero coméntase que correrá con Windows 11 e usar un procesador AMD Ryzen personalizado, polo que podemos entender que correrá basicamente calquera xogo para PC, mentres que a Steam Deck ten un catálogo de xogos máis limitado.
A cadea de tendas Best Buy xa permite que os usuarios se subscriban para recibir un aviso cando esta nova consola estea dispoñible para a súa reserva en EE.UU. e Canadá, polo que confíase en que en poucos días publiquen máis detalles desta prometedora portátil.

Vídeo promocional da consola portátil ROG Ally

PUBLICIDADE