Asus presenta un servidor de ficheiros baixo a marca Eee

xoves, 5 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Os equipos Eee de Asus xa non están limitados a portátiles e ordenadores de sobremesa, senón que no CeBIT tamén amosaron unha aplicación desta marca aos servidores de arquivos en rede, podéndose ver o Asus EeeNAS D200, un servidor de arquivos con ata 2 Tb de almacenamento que funciona cun procesador Intel Atom N270 a 1,6 GHz, con 2 Gb de RAM e gravadora de DVD, polo que parece máis un ordenador que un sistema para compartir ficheiros en rede.
O equipo conéctase á rede local por Ethernet, pero tamén conta con conectividade Wi-Fi (802.11n) para poder acceder ao equipo sen pasar por un router. Cómpre destacar que funciona con Windows XP, inclúe un cliente BitTorrent (para descargar ficheiros da Internet sen utilizar un ordenador, por dicilo dalgún xeito), é bastante silencioso (non supera os 28 dB de ruído), e mesmo inclúe un sistema de alimentación ininterrompida. O modelo con 2 discos de 500 Gb custará 399 euros.

O EeeNAS D200 ten unha interface de uso que deixa claro que é máis un PC que un servidor de ficheiros básico

PUBLICIDADE