Asus trae ao mercado un monitor profesional ideal para Mac

mércores, 27 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Asus anunciou a dispoñibilidade do seu monitor profesional ProArt Display 5K PA27JCV, un monitor 5K (con resolución de 5.120 x 2.800 píxeles) que, como é habitual na súa gama, conta con calibración de fabrica verificada por Calman, que cubre a gama de cor DCI-P3 ao 99%, a Adobe RGB até o 95% e a sRGB até o 100%. Tamén conta con Asus Light Sync para garantir un rendemento fiable da cor grazas ao uso de sensores de luz ambiental e retroiluminación integrados; así como inclúe tecnoloxía LuxPixel que dota ao panel dun revestimento antirreflexos e de baixa reflexión (AGLR) buscando un efecto de pantalla semellante ao papel, garantindo cores perfectas e detalles de imaxe nítidos. Tamén integra KVM automático, para que os usuarios poidan cambiar sen esforzo entre dous equipos informáticos conectados cun único teclado e rato.
Este atractivo monitor profesional de 27 polgadas conta cunha ampla conectividade, ao integrar HDMI, DisplayPort, concentrador USB e incluso DisplayPort sobre USB-C entregando até 96 watts de corrente.
A pantalla cumpre co estándar HDR10 e é compatible con VESA DisplayHDR 500, aínda que o seu punto forte é, claramente, a súa resolución 5K cunha densidade de píxeles de 218 puntos por polgadas, o que resulta ideal para traballar con equipos de Apple, que non teñen un bo comportamento co escalado de fontes en pantallas 4K. Temos así unha alternativa moi atractiva ao Apple Studio Display, cun prezo que parte dos 1.779 euros (e con soporte con altura axustable e antirreflexos custaría 2.489 euros), mentres que o monitor de Asus figura nalgunhas tendas a un prezo de 813 euros.

Vídeo promocional do novo monitor 5K de Asus