Atalaia: nova web do Consello da Cultura para esculcar de preto na arte dos nosos días
xoves, 1 de xullo do 2010
O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta semana unha nova proposta en liña dirixida a pór de relevo que a arte galega é un eido en constante espallamento que vai alén de calquera límite físico museístico. A páxina en cuestión, que se apoia no acubillo infinito da Rede para ofrecer información actualizada do que acontece no creativo, vén cun nome que fala ás claras da súa arela de observación: Atalaia. Arte Contemporánea en Galicia. A páxina, que tamén busca achegar información inédita, foi presentada polo presidente do CCG, Ramón Villares, e a coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporánea do Consello, María Luísa Sobrino. A xuízo desta última, o dito proxecto virtual constitúe unha panorámica sobre os creadores máis significativos da actualidade, poñendo en xogo unha canle con capacidade e potencial para reconducir a demanda de información da comunidade internauta sobre este eido en concreto.
A web contará coa participación directa de Manuel Gago (compañeiro deste medio e autor do blog Capítulo Cero), quen salientou a posta en marcha de diversos itinerarios creativos ao abeiro de Atalaia, itinerarios que dan comezo cun achegamento a Seve Penelas.
Na opinión de Gago, a experiencia segue en certa medida o ronsel de anteriores proxectos do CCG, como por exemplo o soportal de banda deseñada, unha proposta que serviu entre outras cousas para pór de manifesto o que non moitos sospeitaban: a gran calidade colectiva da creación de cómic en Galicia. “Con Atalaia pasa o mesmo”, sostén Gago no seu blog, “un aprecia a diversidade da creación artística contemporánea do país, non sempre ben comunicada e que agocha un gran potencial ao meu ver”.
A información artística que recolle Atalaia, infórmase dende medios como Xornal, está distribuída en distintos apartados, como o espazo Publicación, que se orienta á difusión do material que se edita na comunidade e no que se inclúen revistas, catálogos ou libros. Amais disto, tamén se inclúe unha sección de Novas que será precisamente a que dirixa Manuel Gago.
