Até 11.000 persoas participaron nun Congreso FP Innova 2025 marcado polo afianzamento da IA
venres, 28 de marzo do 2025
O VII Congreso FP Innova Galicia 2025, organizado pola Consellería de Educación na Cidade da Cultura ao longo de tres días, esta semana, pechou este 28 de marzo o seu programa de actividades, e fíxoo acadando un récord de 11.000 asistentes, o que supón un aumento de máis do 37% respecto ás 8.000 persoas do ano pasado, segundo explicou a Xunta, salientando que este dato “destaca o crecemento e consolidación deste evento como unha cita imprescindíbel para os profesionais, estudantes e empresas do ámbito educativo”. O evento, que congregou durante tres días a expertos, docentes, estudantes e profesionais, amosou as últimas tendencias e avances tecnolóxicos no eido educativo-profesional.
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, subliñou a “altísima innovación tecnolóxica dos proxectos deste ano, cun salto substancial respecto a só fai un ano, o que evidencia que a FP galega está no mellor momento da súa historia grazas á súa capacidade de adaptación aos cambios do ámbito produtivo”. Proba disto, dixo, “é tamén que visitaran ao congreso representantes en materia de FP de todas as comunidades autónomas co obxectivo de coñecer o traballo que realiza Galicia”.
O evento presentou novas propostas educativas, obadoiros especializados, conferencias e amplas oportunidades de networking.
Os visitantes puideron coñecer de primeira man preto de 60 iniciativas de centros, tanto en innovación, que abordan as tecnoloxías máis avanzadas nos distintos sectores produtivos, como en emprendemento, impulsados polo Plan Eduemprende.
A Intelixencia Artificial e a súa incorporación no ámbito da Formación Profesional foi unha das grandes protagonistas da cita. A IA estivo presente en numerosos proxectos innovadores, por exemplo OPI Orienta, un orientador profesional virtual baseado en tecnoloxías avanzadas de análise e comprensión de datos que proporciona asesoramento personalizado aos asistentes, adaptándose ás súas necesidades e intereses. “Esta tecnoloxía supón un avance significativo na forma de ofrecer apoio e guía para o desenvolvemento académico e laboral”, explicou a organización.