Até 130 escolares de Galicia participan na primeira Liga Maker Drone da Fundación Barrié e o ITG

venres, 19 de novembro do 2021 S. P.

A Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) reuniron na mañá deste 19 de novembro preto de 130 alumnos de terceiro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), provenientes dos 18 centros escolares de Galicia que foron seleccionados para participar na 1ª Liga Maker Drone.
A directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, e o responsábel de I+D da división de drons do ITG, Jorge Seoane, inauguraron unha xornada na que, segundo informan as dúas entidades, debullouse o reto que os escolares van ter que afrontar entre os meses de febreiro e maio, tras recibiren a formación específica que se impartirá en cada un dos centros. Trátase, polo tanto, dun ambicioso reto que ten como fin último “a estimulación do interese pola tecnoloxía entre as novas xeracións”.
En concreto, os equipos participantes terán que “idear, deseñar e programar un dron que sexa capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, á planta dun edificio no que haxa un incendio para contribuír á súa extinción”, explicaron a fundación e o centro tecnolóxico, engadindo que para encarar este desafíoa cada un dos centros facilitóuselles un dron, formación e orientación por parte da organización.
No transcurso da xornada os enxeñeiros do ITG impartiron unha primeira formación sobre Intelixencia Artificial aplicada a drons, unha das principais áreas de investigación do centro tecnolóxico con sede na Coruña. O alumando tivo ocasión de ver in situ aplicacións reais de drons nas que traballa este centro. Así mesmo, a xornada contou coa intervención dun formador da Asociación de Bombeiros de Galicia, quen relatou a súa experiencia no uso de vehículos aéreos non tripulados en Galicia.
“A partir de agora”, explicaron as dúas entidades, “as alumnas e alumnos participantes recibirán unha formación tecnolóxica que se vai estruturar en tres sesións sobre manipulación de ferramentas e materiais; nocións básicas de electrónica, programación, soldadura e conectores, e funcionamento de mecanismos”. Unha vez rematada esta formación, os equipos traballarán nos seus respectivos centros educativos, de xeito autónomo, no reto tecnolóxico proposto.
18 centros das 4 provincias
Os dezaoito centros que están a participar atópanse distribuídos nas catro provincias galegas.
Da provincia da Coruña van participar nove centros: o CPR Plurilingüe Montespiño, o CPR Nuestra Señora del Carmen de Betanzos, o IES Fin do Camiño, o CPR Manuel Peleteiro, o CPR Plurilingüe Liceo La Paz, o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, o CPR Plurilingüe Salesiano San Juan Bosco, o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e o CPR Santa María do Mar.
Os centros que participan da provincia de Lugo son tres: o IES Ánxel Fole, o IES Francisco Daviña Rey e o CPI Dr. López Suárez.
De Ourense, pola súa banda, participa o CPR Plurilingüe Santa María-Maristas.
Por último, da provincia de Pontevedra participan cinco centros: o CPR Plurilingüe Montecastelo, o IES da Illa de Arousa, o CPR Eduardo Pondal de Cangas, o CPR Santiago Apóstol de Soutomaior e o IES de Teis.
Xornada final
En maio de 2022 celebrarase a Xornada de Exposicións, na cal presentaranse as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo, que serán avaliadas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
• Premio ao equipo gañador da competición: esta categoría resolverase en modalidade torneo, na cal os equipos competirán simultaneamente para levaren a cabo de maneira correcta a misión definida no desafío no menor tempo posible.
• Premio ao mellor deseño: nesta categoría valorarase a optimización do deseño, de acordo cos requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo etc.
• Premio á solución máis disruptiva: nesta categoría valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para resolver o desafío.
• Premio á habilidade no voo: nesta categoría, valoraranse as habilidades de pilotaxe de drons.
• Premio especial do público á mellor presentación, segundo a expresión oral, a claridade e os medios gráficos utilizados para a exposición.

PUBLICIDADE