Até 150 profesionais concorren en #SilverBullet17

mércores, 10 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Este 11 de maio, quinta feira, temos unha xuntanza en Compostela (Cidade da Cultura) con boa parte dos expertos galegos e estatais máis referenciais en materia de xestión de proxectos TI e de metodoloxías para levalos ao mellor porto posíbel (os proxectos TI). Falamos do evento #SilverBullet17, o I Congreso de Xestión de Proxectos organizado polo CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia) e a AMTEGA e concibido como “un foro de debate dirixido a empresas e profesionais vencellados á xestión de proxectos TI, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais na área”. A cita, precisamente, será inaugurada no auditorio do edificio CINC ao fío das 9.30 horas polo presidente do CPETIG, Marcos Mata, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira. Trala inauguración, darán comezo as sesións ás que asistirán preto de 150 profesionais.
Nas sesións intervirán Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain (compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios); Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; e Susana Gómez Carnero, directora executiva (CEO) en Origami Soluciones e de BNI Galicia.
A organización de #SilverBullet17 está enmarcada nas actividades conmemorativas programadas polo CPETIG con motivo da celebración de seu X aniversario. Participan como patrocinadoras de #SilverBullet17 as empresas Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus. Quen precise máis información sobre o evento pode visitar a web específica do congreso, silverbullet.cpetig.org.

PUBLICIDADE