Até 174 persoas participan na media ducia de lanzadeiras galegas de emprego de Teléfonica

xoves, 3 de decembro do 2020 S. P.

Até 174 persoas (116 mulleres e 58 homes en desemprego de idades comprendidas entre os 20 e os 59 anos) preparan a súa saída ao mercado laboral nas novas Lanzadeiras Conecta Emprego de Galicia, impulsadas polas fundacións Telefónica e Santa María La Real e con presenzas, nesta edición, en Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense e Carballo. Unha vez máis, o obxectivo é “achegar ás e aos participantes recursos para atopar traballo con novas técnicas e ferramentas acordes ao novo mercado laboral”.
A partir de agora e até o mes de abril de 2021, as persoas que se inscribiron nesta nova convocatoria das lanzadeiras (unha iniciativa con cobertura estatal e que conta con financiamento do Fondo Social Europeo e, no caso galego, coa colaboración da Xunta) aprenderán a facer un plan integral de procura de emprego, actualizarán o seu currículo, ensaiarán entrevistas de traballo, reforzarán competencias transversais e dixitais, e contactarán con empresas.
Segundo informan dende Telefónica, se ben algunhas actividades comezaron en novembro, as lanzadeiras de Pontevedra e Carballo aínda manteñen abertas as inscricións. Por tanto, as persoas interesadas poden apuntarse a través da web específica deste programa tecnolóxico-laboral.
Sandra Villaverde, Amanda Fonoll, Verónica Guarda, Laura Nereida, Yolanda García e Patricia Torrado son as técnicas que realizaron o proceso de selección e as encargadas de xestionar as lanzadeiras da Coruña, Santiago de Compostela, Carballo, Ourense, Pontevedra e Vigo, respectivamente, durante o vindeiros cinco meses. Explican que os participantes teñen “perfís moi diversos, pero moi complementarios”. O seu labor agora é converterse nun equipo, mellorar as súas competencias transversais e dixitais, compartir experiencias e coñecementos, reactivar a súa procura de traballo de forma colaborativa e obter novas oportunidades laborais. “Demandan orientación en autoconocimiento, realización de entrevistas, preparación dun currículo atractivo, acompañamento, coñecemento do tecido empresarial galego, competencias dixitais e aumento da rede de contactos”, especifican.
O formato das Lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña e Pontevedra é mixto. Os seus participantes teñen sesións virtuais, a través de diferentes aplicacións; e sesións presenciais, que levan a cabo en locais cedidos de balde pola Xunta de Galicia. Alí, están distribuídos en grupos reducidos, “cumprindo todas as medidas de seguridade, hixiene e distancia social establecidas pola pandemia”, explican dende a Fundación Telefónica, engadindo que as iniciativas de Ourense, Vigo, Santiago de Compostela e Carballo desenvólvense nun formato 100% online. É dicir, os seus participantes reúnense varios días á semana en sesións virtuais, a través de diferentes aplicacións, como Meet.
Nestas sesións, as e os participantes realizarán dinámicas de intelixencia emocional para aprender a desenvolver un plan integral de procura de emprego e enfocar o seu obxectivo profesional; aprenderán novos programas para actualizar o seu currículo; ensaiarán entrevistas de traballo para gañar confianza e seguridade nos procesos de selección; reforzarán as súas competencias transversais e habilidades dixitais; sacarán partido ao smartphone e as redes sociais para a procura de emprego online, realizarán mapas de empregabilidade e contactarán con empresas.

PUBLICIDADE