Até 190 proxectos innovadores aspiran a participar na sexta edición de ViaGalicia

mércores, 17 de abril do 2019 Redacción

ViaGalicia, a aceleradora da Zona Franca de Vigo e a Xunta, vén de recibir 190 propostas de emprendedores na súa sexta edición. Este logro, que se suma ao recente recoñecemento Funcas, que a distinguiu como a mellor aceleradora do ámbito estatal, engádese á mobilización dun orzamento para esta sexta convocatoria que marca diferenzas con respecto a outras iniciativas semellantes: 2 millóns de euros. No que se refire ás 190 propostas, salientan novamente os proxectos de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) que supoñen un 23% do total, seguidas de ideas de negocio vencelladas ao sector da Agroalimentación e Pesca (12%), Turismo e Hostalaría (10%) e Téxtil e Moda (8%).
O comité técnico de ViaGalicia, que contará co apoio de entidades colaboradoras e centros tecnolóxicos para a valoración dos proxectos, seleccionará até un máximo de corenta propostas por sede (Vigo e Lugo), tendo en conta “as súas capacidades de innovación, investibilidade, acelerabilidade e relevancia”. Para iso, desde ViaGalicia realizaranse diversas entrevistas cos promotores dos proxectos co obxectivo de coñecer mellor as súas propostas, aclarar algunhas dúbidas e coñecer aos equipos e o seu grao de compromiso.
En xuño coñeceranse os proxectos seleccionados, que pasarán a participar no Startup Day. Será nesta xornada cando se avalíen as competencias individuais e de equipo dos emprendedores e a súa capacidade para conducir estes proxectos cara ao éxito, e poderanse seleccionar até 40 proxectos (20 por sede) para a súa pre-aceleración durante a fase de academia.
Como dixemos, esta sexta edición conta cun orzamento de 2 millóns de euros destinado a formación, asesoramento, mentorado, coworking e financiamento dos proxectos que participen no programa de aceleración.

PUBLICIDADE