Até 20 mozas e mozos participaron no curso de animación 3D celebrado no viveiro de Ribeira

martes, 12 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O viveiro de empresas de Ribeira acolleu hoxe o remate da actividade formativa Constrúe o teu futuro: Animación 2D e 3D e emprendemento. Na cita, na que tamén se entregaron os diplomas aos vinte participantes no programa, participaron o tenente de alcalde de Ribeira, Emilio Pérez, o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros; e o director de Proxectos da Fundación INCYDE Mariano Alcantarilla. A iniciativa foi organizada Cámara de Comercio de Santiago, o Concello de Ribeira e a Fundación INCYDE a través do Fondo Social Europeo. No curso capacitouse laboralmente á mocidade asistente para concorrer nun sector en proxección: o sector dos videoxogos e do lecer dixital.
Segundo lembraron as entidades organizadoras, o principal obxecto do programa foi “facilitar a incorporación ao mercado laboral a menores de 30 anos, non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, a través de accións de fomento, formación e apoio ao emprendemento”. Os 20 alumnos e alumnas participantes (14 homes e 6 mulleres) adquiriron novos coñecementos sobre a animación 2D e 3D que, en palabras da organización, “axudarán a incrementar a súa calidade profesional e mellorar a súa empregabilidade”, á vez que descubriron as opcións que ofrece o autoemprego para o seu futuro laboral.
Fernando Barros sinalou que “os avances tecnolóxicos son o factor de influencia con maior impacto actualmente no mercado laboral”, e puntualizou que “o carácter emprendedor resulta esencial para catalizar a innovación nas empresas”. Ademais, lembrou que o sector dos videoxogos é “o de maior potencial de crecemento e innovación da industria dos contidos dixitais en España”, e o seu desenvolvemento é un “eido profesional prometedor que demanda perfís con formación especializada”.
O programa, que se celebrou do 23 de abril ao 1 de xuño nas aulas formativas da incubadora ribeirense, abrangueu as principais disciplinas vinculadas á creatividade dentro do mundo da animación. Segundo engadiu Barros sobre a importancia dunha actividade como Constrúe o teu futuro, “a industria necesita profesionais cualificados nas áreas de 3D, ou sexa, nos eidos da produción, a arte, o deseño visual e de personaxes, as contornas e os props, o desenvolvemento visual, o modelado, a construción de contornas no motor, o rigging, o shading e as texturas, os efectos visuais ou a simulación, entre outras disciplinas relacionadas con competencias técnicas e artísticas”. Ademais da entrega de diplomas, a alumna Caryola Lugo presentou o seu proxecto sobre un lavado de coches.

PUBLICIDADE