Até 200 estudantes participarán na STEMweek deste verán

venres, 9 de agosto do 2019 Redacción

A tecnoloxía úsase e tamén se fai. Baixo esta premisa e a de fomentar a divulgación activa (e interactiva) da ciencia entre a nosa mocidade, a Consellería de Educación vai desenvolver en agosto e setembro a iniciativa STEMweek, da que se veñen de publicar as listaxes definitivas de mozas e mozas seleccionadas/os para participar nela: en total, 200 estudantes. A resolución pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia.
A actividade, que ten como obxectivo a mellora das competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Tecnoloxías), dividirase en dúas quendas: a primeira delas, dirixida a alumnado de 3º de ESO, desenvolverase entre o 25 e o 31 de agosto; a segunda, para o de 4º de ESO, será entre o 1 e o 7 de setembro. En ambos os casos a STEMweek realizarase nas instalacións do Centro Residencial docente da Coruña. Durante toda a estadía o alumnado estará supervisado por monitores e monitoras.
Segundo lembra a Consellería, ao longo da STEMweek as alumnas e alumnos participarán en actividades coa finalidade de “desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dun convite ao descubrimento, que aumenten o interese do alumnado pola ciencia e polas súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía”. De feito, o obxectivo último é “crear unha canteira científica”, poñendo o foco nas mulleres, entre o alumnado de 15 e 16 anos.

PUBLICIDADE