Até 200 persoas participaron no webinar sobre as axudas á innovación de GAIN, Xesgalicia e o CDTI

venres, 5 de xuño do 2020 S. P.

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación

A Axencia Galega de Innovación (GAIN), Xesgalicia e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) celebraron este 5 de xuño un seminario online para presentar as principais axudas e novidades nos instrumentos de apoio destas entidades. A xornada, na que participou a directora de GAIN, Patricia Argerey, presentáronse as principais axudas que teñen vixentes actualmente a axencia autonómica e Xesgalicia, as novidades nas liñas de financiamento de CDTI, así como a presentación do programa NEOTEC de CDTI, que busca apoiar a creación e consolidación de novas empresas de base tecnolóxica en España (e ten aberto o prazo até o 30 de xuño).
No webinar, Argerey salientou que “a importancia da ciencia e da innovación se ten posto de relevo se cabe aínda máis neste novo contexto socioeconómico”, polo que animou aos máis de 200 asistentes á xornada a “aproveitar todos os programas de apoio que están actualmente abertos por parte de diferentes institucións para financiar os seus proxectos de futuro en materia de I+D+i”.
Pola súa banda, o director de XesGalicia, Fernando Guldrís, recalcou que en Galicia “existen interesantes posibilidades de apoio público á innovación”.
Axudas diversas
No marco desta xornada online presentáronse as axudas de apoio á innovación que ten actualmente abertas a Axencia Galega de Innovación, así como os fondos de investimento de XesGalicia orientados a empresas innovadoras. Representantes do o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial expuxeron tamén as novidades nas súas liñas de financiamento á innovación.
Segundo lembraron os participantes no webinar, a Xunta tamén mantén abertas varias liñas de apoio á innovación destinadas a potenciar o tecido empresarial. Entre elas, destaca o programa Principia, destinado a fomentar a contratación de técnicos de ata 35 anos para a realización de actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación e que pecha o prazo de solicitude o vindeiro luns.
Amais, na cita púxose o foco nas posibilidades que abre o programa InnovaPeme, orientado á mellora da capacidade innovadora de pemes e microempresas a través do apoio á implementación dun plan de innovación, cuxo prazo de solicitude pecha o 18 de xuño.
Tamén se informou da liña que está actualmente aberta para fomentar a participación galega no programa europeo de I+D+i, H2020, e o programa ReAcciona do IGAPE que este ano incorpora como novidade, coa colaboración de GAIN, tres novos servizos de apoio á innovación.
Ademais, a Administración galega, a través de XesGalicia, dispón de dous fondos de investimento orientados a apoiar a actividade de empresas innovadoras, Innova Tech e Galicia Iniciativas Emprendedoras. Por un lado, Innova Tech apoia proxectos con marcado carácter innovador de empresas tecnolóxicas, en fase de expansión e consolidación; mentres que Galicia Iniciativas Emprendedoras impulsa a posta en marcha de novos proxectos por parte de empresas novas ou de recente creación.
A xornada enmarcouse no marco de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e o CDTI que inclúe, entre outras actuacións, a promoción conxunta da I+D+i en Galicia e dos instrumentos de financiamento e programas de axudas estatais e internacionais en Galicia.

PUBLICIDADE