Até 280 persoas participaron nos obradoiros sobre móbiles de Carballo

mércores, 17 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Este mes de xullo remataron en Carballo os cursos de manexo do teléfono móbil impartidos pola Cruz Vermella e organizados polo Concello. Nas actividades, que remataron na parroquia de Ardaña (coa presenza do concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo), participaron 280 persoas. Amais de en Ardaña, houbo actividades formativas en Vilela, Sofán, Sísamo, Rus, Lema, Entrecruces, Noicela, Cances, Artes e Carballo. Os 280 participantes repartíronse nunha vintena de grupos.
Na xornada de peche, o Concello agradeceu a colaboración da Asemblea Local da Cruz Vermella, que se encargou de preparar os manuais que se entregaron a todos/as os/as participantes, de formar ás monitoras e de impartir os obradoiros. Tamén se enxalzou a elevada implicación dos consellos parroquiais e do movemento asociativo das diferentes localidades do termo municipal para achegar a información á veciñanza, recoller as follas de inscrición e ter a punto os locais sociais.
Os talleres de manexo do teléfono móbil constaron de tres sesións de dúas horas de duración cada unha, que se impartiron todos os martes e os xoves (agás festivos) dende o 7 de febreiro ata este mes de xullo. Ao abeiro destes obradoiros, o Concello quixo permitir aos maiores familiarizarse coas novas tecnoloxías de uso cotiá e cada vez máis estendido entre persoas de todas as idades.

PUBLICIDADE