Até 30 expertos debaterán sobre novas tendencias dixitais en GaliciaTIC

martes, 21 de maio do 2019 Redacción

A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) celebra este xoves 23 de maio a 27 edición de GaliciaTIC, o noso congreso tecnolóxico máis histórico e referencial. O obxectivo de Ineo, novamente, é “impulsar a transformación dixital na nosa Comunidade e mostrar as solucións e ferramentas que existen para iso”. Con tal fin, reuniranse tanto empresas e profesionais do sector TIC (máis de trinta expertos) como doutros sectores interesados en coñecer novidades tecnolóxicas que lles poden axudar a mellorar as súas organizacións. Participarán firmas como R, Microsoft, Imatia ou Orange.
A cita é este xoves 23 de maio na Cidade da Cultura . Por temáticas, tocaranse cuestións como as tendencias tecnolóxicas e as oportunidades que estas brindan a Galicia, “inmersos como estamos nun intre clave de maduración de tecnoloxías que marcan un antes e un despois e a súa aplicación ao mundo empresarial e á sociedade”, en palabras de Ineo.
No foro terán parte activa representantes da denominada "tripla hélice" da innovación: administración, universidade e empresa. Así, en GaliciaTIC intervirán representantes da AMTEGA, do Concello de Vigo, da Universidade de Vigo, de centros tecnolóxicos como Gradiant e de empresas de diferente tamaño e core de negocio, como R, Microsoft, Deloitte, Ozona, Imatia, Orange, Sanitas, Plexus, entre outras moitas.

PUBLICIDADE