Até 30 grandes multinacionais xa confirmaron a súa participación nas xornadas JAI’2020

xoves, 21 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A nova edición das xa históricas Xornadas de Automatización Industrial (JAI’2020), impulsadas dende a Universidade de Vigo (Escola Superior de Enxeñaría Industrial) polo profesor Ignacio Armesto, están a coller impulso. Será a oitava edición duns encontros internacionais pioneiros na difusión e investigación arredor das tecnoloxías intelixentes e sustentábeis para os procesos industriais (o que hoxe se coñece como Industria 4.0), pioneiros tamén en tender pontes entre as empresas do sector e as/os estudantes potencialmente integrantes desas empresas. A nova edición celebrarase entre o 19 e o 23 de outubro de 2020.
No proceso de ir materializándose, as JAI’2020 entraron hai unhas semanas en fase de chamamento á participación, co fin de dar acubillo ao meirande número de empresas tecnolóxicas, moitas delas multinacionais. Como resultado, o programa de conferencias do evento perfilouse coa confirmación de preto de 30 empresas referentes e con presenza nunha manchea de países, que son as que citamos a continuación por orde alfabética: ABB, Beckhoff, Bosch-Rexroth, Festo, HP, IFM, Kepware (PTC), Kuka, Lapp, Matrikon (Honeywell), MIR, Murrelektronik, Omron, Panasonic, Pepperl+Fuchs, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell Automation, Schneider Electric, Schunk, Sick, Siemens, SMC, Universal Robots, Weg, Weidmüller e Yaskawa.
Para máis información e datos sobre as xornadas e programas, cómpre visitar a web da nova edición das xornadas, xa operativa en http://jai2020.uvigo.es/.

PUBLICIDADE