ata 331 centros educativos da Coruña participaron nas actividades do Plan Director contra o ciberacoso

luns, 7 de xullo do 2025 S. P.

A subdelegada do Gobierno de España na Coruña, María Rivas, fixo balance das medidas postas en marcha para garantir usos saudables, seguros e respectuosos das novas tecnoloxías nas aulas, a través do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos (Ministerio do Interior), materializado coa importante colaboración da Garda Civil e a Policía Local dos concellos. Fíxoo o pasado 4 de xullo, na a Xunta Local de Seguridade no Concello de Betanzos, xunto coa alcaldesa María Barral. Rivas destacou “o traballo conxunto dos axentes” no dito municipio.
Tamén salientou que a través deste programa, a Garda Civil levou a cabo 44 actividades en catro centros educativos de Betanzos, con 1.055 participantes da comunidade educativa. As actividades centráronse en temas de ciberseguridade e TIC, acoso escolar e ciberacoso, temas de violencia de xénero, aspectos sobre drogas e alcol ou a protección de datos persoais e outras adiccións en apostas ou videoxogos.
“O Plan Director aborda as inquietudes actuais de familias e profesorado, incorporando temáticas relevantes e conectadas coa realidade do alumnado”, apuntou Rivas.
Obxectivo: coordinación
O Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas é un programa do Ministerio de Interior do Gobierno de España que ten como obxectivo a coordinación entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade para previr e detectar situacións de risco entre a xente nova, así como sensibilizar ao alumnado e contribuír á súa formación no respecto aos dereitos fundamentais e aos valores da igualdade e dignidade humana.
Rivas sinalou que os datos de participación e das actividades realizadas nos centros educativos da provincia da Coruña no último ano corroboran a boa aceptación deste Plan nos centros educativos da provincia coruñesa na que se realizou o 40% das actividades realizadas en toda Galicia no ano 2024, con 2.016 dun total de 5.027. Asistiron a estas propostas 35.744 persoas da comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias) dun total de 144.761 participantes en Galicia. Os centros participantes na provincia da Coruña foron 331, dos 953 que o fixeron a nivel autonómico.