Até 336 entidades da provincia de Lugo optan a programa Ben Empregado 4

luns, 13 de novembro do 2017 Redacción

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos

A Deputación de Lugo achegou hoxe datos de interese (sobre todo de cara ás entidades participantes), acerca da edición número catro do programa Ben Empregado da entidade provincial, que avanzamos os días pasados dende Código Cero salientando a apertura de prazo desta nova convocatoria (a cuarta), o seu obxectivo fundamental (impulsar a contratación de persoas desempregadas no seo das entidades da provincia) e a súa fortalecida vertente TIC (fomentando novamente, entre outras moitas profesións, as profesións ligadas ao dixital). A Deputación informou hoxe de que 336 empresas e colectivos da provincia optan ás axudas para contratar a novos traballadores que ofrece o Goberno da Deputación a través do programa.
As entidades aspirantes, engade a entidade, deberán consultar as súas solicitudes en deputacionlugo.gal e, de ser necesario, completalas ou modificalas para seguir concorrendo ás subvencións de até un máximo de 22.000 euros que inclúe dita programación.
Con estes 22.000 euros asumiranse, durante un ano, os custes laborais dos desempregados lucenses que pasarán a ser persoal dos seus equipos profesionais. Poden facelo dende hoxe e até o 24 de novembro inclusive.
A contía total de axudas é de 2,2 millóns de euros.
Na resolución das subvencións favoreceranse as empresas e colectivos que non se teñan beneficiado das anteriores edicións do Ben Empregado; ás que ofrezan contratacións indefinidas do posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral, de protección do medio ambiente ou de responsabilidade social e corporativa. Ademais, valorarase positivamente que os promotores das entidades sexan de nova creación, impulsadas por mulleres, mozos de entre 16 a 35 anos ou maiores de 45.
Os entes que resulten beneficiados deberán aceptar ao traballador asignado pola Deputación e mantelo no seu cadro de persoal durante un período mínimo de 12 meses de duración; manter o cadro de persoal, incluíndo aos anteriores traballadores das edicións do Ben Empregado, durante a vixencia deste programa; facilitarlle ao contratado os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas; ou achegar ao organismo provincial nos primeiros 10 días do mes a nómina e xustificante de pago do traballador correspondente, entre outras obrigas.
Lembrar que entre os postos máis impulsados nas anteriores entregas de Ben Empregado figura o de community manager. Ao abeiro desta etiqueta figuran os profesionais que constrúen, xestionan e administran comunidades en liña arredor dunha marca en Internet.
A Deputación engade que Ben Empregado 4 responde a un duplo obxectivo do Goberno provincial: por unha banda combater a taxa de paro na provincia (“xerando postos de traballo de calidade ao incorporar cláusulas sociais nos contratos para salvagardar ou mellorar os dereitos laborais dos traballadores”) e, pola outra, “contribuír ao pulo da actividade do tecido empresarial e asociativo da provincia na procura da dinamización da economía lucense”.
Novamente, no que atinxe a Código Cero e aos seus lectores, unha parte importante do programa irá destinado a fomentar o emprego relacionado coas novas tecnoloxías. Por exemplo os devanditos profesionais community managers, técnicos en informática, especialistas en mercadotecnia dixital ou responsábeis de proxectos transmedia.

PUBLICIDADE