Até 35 webseries de todo o mundo concorren na sección oficial do Carballo Interplay 2017

martes, 18 de abril do 2017 Redacción

Interplay Produccións e o Concello de Carballo, organizadores do Festival Interplay (cuarta edición) xunto coa Deputación da Coruña, veñen de dar a coñecer a cifra de producións que compiten na sección oficial do certame que se vai celebrar entre o 4 e o 6 de maio na vila coruñesa: até 35 webseries de todo o mundo á procura do máximo galardón. Así o fixeron saber este martes os organizadores do evento, lembrando que a contía de premios a repartir ascende até os 5.000 euros. Ademais, fixeron saber que as devanditas achegas para a sección oficial foron elixidas entre a cifra nada de desprezábel de 146 propostas chegadas de todos os recantos do planeta. Das finalmente seleccionadas, cinco son galegas, 12 do resto do Estado e 18 do resto do mundo.
Entre as internacionais hai webseries de Alemaña, Australia, Arxentina, Canadá, Chile, Estados Unidos, Israel, Nova Zelandia, Reino Unido e Ucraína. Ademais, 30 delas competirán polo premio á mellor webserie de imaxe real e 5 ao de animación, 18 ao premio á mellor webserie internacional e 6 á de versión orixinal en galego.
Segundo informou a directora do certame carballés, Sonia Díaz, “o festival fornecerá unha completa panorámica do que se está a cocer no mundo das webseries a nivel global”, achegando novamente unha “presenza abafadora do humor e a comedia, con 25 das 35 producións finalistas encadradas neste xénero”, pero tamén interesantes obras dos máis diversos xéneros: drama, documental, thriller, etc.. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.
As webseries finalistas
As finalistas galegas: Galicia Crime, Antolepsia, Dalle Jas! (2T), As aventuras de Po e Teño unha horta en San Sadurniño.
As finalistas españolas: El show de Teresa Cuesta, Beto, Caniville, Cómo dejar los porros, Carlinos. La webserie, Judge Dredd: Superfiend. A todo riesgo, Lara Love, Pésame Street, Briget Jon de Triana, Te Quiero, yo tampoco e El Partido 2.
As finalistas internacionais: Tube Heads, Midnight Miracle, AFK, Camila no tiene un plan, Boy Scauts, You’’re the next, Dang It To Heck!, Amy Street, Discocalypse, Si me volviera a enamorar, 5baksiv.net, Piscóticas inseguras, Waiting on Sound, Convos with my 2 years old, Behind The Blinds AKA Filmmaking 101, Psicosomática, Depto e The Dump / La Dump.

PUBLICIDADE