Até 40 entidades xuntan forzas estes días no #HACKatHOME impulsado por GAIN

luns, 29 de xuño do 2020 S. P.

O Goberno galego vén de dar máis detalles sobre as previsións do #HACKatHOME, o primeiro hackathon virtual de Galicia, do que, segundo explicou o conselleiro de Economía Francisco Conde, sairán importantes solucións innovadoras aplicábeis á era postCOVID. Estes datos foron achegados no transcurso da primeira das catro xornadas da quedada innovadora e desenvolvedora, que reúne, até este martes 30 de xuño (e afrontando cinco desafíos concretos), empresas, centros de coñecemento e persoas innovadoras.
Conde agradeceu a Gradiant, unha das 40 entidades que colaboran nesta iniciativa, a súa cooperación neste evento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) xa que, segundo dixo, “con esta proposta foméntase o emprendemento pero tamén a innovación a través da Compra Pública Innovadora”.
O #HACKatHOME celébrase dende o venres co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas pola pandemia na industria, o comercio e o emprego, como a seguridade das persoas coa mellora dos espazos de traballo para evitar a dispersión do virus e o incremento da seguridade nos espazos comerciais, optimizar o teletraballo, coordinar equipos nun contexto de separación física ou reducir as necesidades de desprazamento da industria.
Conde lembrou que o hackathon virtual une persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos. “O #HACKatHOME”, engadiu, “ofrece unha experiencia intensiva de creación de catro días de duración na que se intentará desenvolver dun xeito áxil prototipos e solucións innovadoras con formato transversal, aberto e de aplicación o máis inmediata posible no ámbito industrial, comercial e do emprego”.
Os integrantes traballarán en grupos e contarán coa axuda dun equipo de mentores e titores vinculados ao mundo empresarial que os asesorarán sobre as liñas xerais dos proxectos e os detalles técnicos.

PUBLICIDADE