ata 41.300 empresas e autónomos de Galicia benefícianse do programa Kit Dixital
martes, 29 de abril do 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, fixo balance dos investimentos recentes do Goberno na Comunidade. No seu reconto puxo o foco na execución do Plan de Recuperación en Galicia, que, segundo dixo, superou en catro anos os 4.000 millóns de investimento que “apontoan a transformación social, económica e industrial de Galicia tras a pandemia”. Así se pronunciou este luns 28 de abril no almorzo informativo celebrado no Hostal dous Reis Católicos con motivo do cuarto aniversario da aprobación, no Consello de Ministros e Ministras, do dito Plan.
Segundo dixo, do total de fondos inxectados en Galicia polo Plan de Recuperación, o Goberno de España executou directamente 2.298 millóns de euros (un 53%) mentres que a Xunta recibiu 1.746 millóns en forma de transferencias (un 47%). Pedro Branco sinalou que esta “distribución equilibrada reafirma o compromiso do Goberno coa cogobernanza e o respecto á repartición competencial na súa execución”. Este volume de fondos, lembrou o delegado, duplican cada ano o esforzo investidor do Goberno na Comunidade, sinalou.
Respecto das cifras tecnolóxicas, detallou que “por primeira vez na historia un Goberno chega a cada recuncho de Galicia, a cada comarca, concello, parroquia, barrio, rúa e vivenda de Galicia”. Porque, engadiu, toda a cidadanía está a beneficiarse da extensión da banda larga e da 5G, dos novos equipamentos tecnolóxicos en hospitais, das novas infraestruturas ou dos programas de modernización das administracións públicas e de xustiza, entre outros.
Deste total de beneficiarios privados, os datos sinalan que o 83% deles pertencen ao tecido empresarial: 40% son persoas autónomas e pemes; 26% son grandes empresas e 17%, unións temporais de empresas. Completan as cifras un 5% de fogares e un 12%, as fundacións, centros de investigación e tecnolóxicos.
Respecto do bloque de investimento relativo a empresas, centros de investigación e universidades (bloque que ofrece a cifra máis alta de investimento do Plan de Recuperación), o delegado significou os 220 millóns de euros para proxectos de hidróxeno verde; máis de 136 millóns en proxectos industriais do vehículo eléctrico; a innovación no tecido agroalimentario con 32 millóns de euros do PERTE Agro, ou a descarbonización de empresas manufactureiras e os case 50 millóns de euros para repotenciar parques eólicos e hidroeléctricas na Comunidade. Ademais, 41.300 empresas e autónomos e autónomas de Galicia xa se benefician do programa Kit Dixital para avanzar na dixitalización dos seus negocios.
